Inicio Galicia O Museo do Ferrocarril prevé actuar en dúas vías, unha sección da...

O Museo do Ferrocarril prevé actuar en dúas vías, unha sección da rotonda e a cuberta da nave principal, entre os proxectos para o 2020

0

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, presidiu hoxe a xuntanza do Padroado, que aprobou un orzamento de 142.100 euros para o vindeiro ano


O Museo do Ferrocarril de Galicia, situado en Monforte de Lemos, aprobou hoxe o orzamento e o plan de actuación para o vindeiro ano, que inclúe a restauración de dúas vías e dunha sección da rotonda así como arranxos na cuberta da nave principal, entre outros proxectos.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, presidiu a reunión do Padroado, na que tamén participaron Pilar García Porto en representación da Deputación de Lugo; César Fernández Gil pola Deputación de Ourense, e o alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé, entre outros. Balseiro explicou que o orzamento para o 2020 ascenderá a 142.100 euros, e contempla tamén o inicio das obras de recuperación da antiga nave de fundición do complexo.

Novas obrasA principal actuación que se executará nos próximos meses será a reposición de dúas vías, cun orzamento estimado de 45.000 euros. Unha é unha vía morta para apartar material ferroviario e a outra unha vía chamada de escape para entrar na rotonda.

Igualmente, está previsto acometer a primeira fase da restauración da nave de fundición, un edificio moi emblemático que contén fornos e chemineas da época dos trens de vapor. Para elo, requírese renovar a cuberta con tella plana, repoñer os vidros das amplas ventás, pavimentar o chan e substituír o peche. O orzamento para o vindeiro ano será de 15.000 euros.

Continuarán as melloras na rotonda, que se rehabilitou recentemente, e como obra complementaria vaise actuar sobre unha sección concreta instalando portóns en tres ocos -dos 19 con que conta- que permitirán manter pechadas tres vías nas que realizar traballos varios co material do museo. Tamén se cimentará unha beirarrúa ao longo do perímetro interior da rotonda para facilitar os desprazamentos peonís entre vías. O custo destas medidas ascenderá a 12.500 euros.

Polo que respecta ao mantemento da nave principal, este ano incluiranse arranxos na cuberta por importe de 6.000 euros para evitar filtracións de auga.

O Museo tamén ten en proxecto trasladar ás súas instalacións dous tractores antigos que están no Museo de Camilo Jose Cela, en Padrón, para a súa futura restauración. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre