Inicio Galicia O municipio do Páramo contará dende este mes cun servizo gratuíto de...

O municipio do Páramo contará dende este mes cun servizo gratuíto de atención á infancia na Casa Niño impulsada pola Xunta

0

O delegado territorial de Lugo, José Manuel Balseiro, participou na xornada de portas abertas para dar a coñecer o centro, que disporá de cinco prazas para nenos e nenas de 0 a 3 anos


A Xunta impulsa a creación dun servizo gratuíto de atención á infancia no municipio do Páramo a través da Casa Niño financiada pola Consellería de Política Social con 73.800 euros. O investimento está destinados a sufragar as obras de acondicionamento e os gastos de funcionamento durante os primeiros tres anos.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, participou hoxe nunha xornada de portas abertas xunto coa promotora do servizo, Henar Yáñez Prado, e o alcalde, Gumersindo Rodríguez, entre outros. O centro está situado en instalacións cedidas polo concello para este fin e está previsto que abra as súas portas o vindeiro día 24 de xuño.

Balseiro destacou que esta iniciativa pretende facilitar a conciliación familiar e laboral dos veciños e veciñas do municipio ao tempo que axuda a crear emprego no rural, dado que o investimento da Xunta consiste nunha axuda directa para a persoa que promove e xestiona a Casa Niño. Estes centros, explicou o delegado, “reveláronse como un bo recurso para que as familias do rural poidan dispoñer deste servizo tan necesario, ademais gratuíto para elas”.

O programa de axudas para a creación de Casas Niño está dirixido a traballadores autónomos ou cooperativas de traballo asociado dispostas a xestionar un servizo de atención a nenos e nenas de 0 a 3 anos en concellos rurais de menos de 5000 habitantes.

Cada centro atende de maneira personalizada e nun horario flexible de luns a venres ata un máximo de cinco nenas e nenos de 0 a 3 anos. Ofrece unha atención integral que comprende a atención específica das súas necesidades básicas de alimentación, hixiene e descanso de acordo coa súa idade e a contribución ao seu desenvolvemento físico, motor, afectivo, intelectual e social.

A Xunta de Galicia publicará proximamente a que será a cuarta convocatoria deste programa; contará cun orzamento de 1,2 millóns de euros, dos cales 225.000 euros se destinarán a subvencionar o investimento necesario para adecuar a vivenda, e os 980.000 euros restantes para sufragar o desenvolvemento do proxecto.

Debido ao éxito deste proxecto piloto, a Consellería de Política Social estendeu a fórmula para crear as Casas do Maior, un modelo de xestión semellante pensado para dotar ao rural de centros de atención gratuítos para as persoas maiores. Na provincia de Lugo están en marcha os catro primeiros proxectos deste tipo -dous nas Nogais, un en Portomarín e outro en Cervantes-.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre