Inicio Galicia O Mundial de Xadrez Cadete trae á Cidade da Cultura a máis...

O Mundial de Xadrez Cadete trae á Cidade da Cultura a máis de 800 novas promesas deste deporte procedentes de 85 países

0

Cada día disputaranse 400 partidas simultáneas no Museo Centro Gaiás que poderán seguirse en directo desde a Cidade da Cultura e tamén por ‘streaming’

A Cidade da Cultura será sede no mes de novembro do Campionato Mundial de Xadrez das categorías sub-8, sub-10 e sub-12, evento que reunirá do 3 ao 16 de novembro a máis de 800 novas promesas deste deporte no Gaiás. Desde a organización do torneo quixeron destacar a elevada participación de países no campionato, a máis numerosa dos tres mundiais da categoría cadete que se teñen celebrando ata agora.

Os detalles da competición déronse a coñecer hoxe nunha rolda de prensa na Cidade da Cultura, na que participaron o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez González, o alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, a secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez Telle, e os presidentes das Federacións Española e Galega de Xadrez, Javier Ochoa Echangüen e Gaspar Pérez Carnero.

A día de hoxe inscribíronse no Campionato Mundial 834 nenos e nenas de 85 países, que competirán nas catro categorías do torneo (sub-8, sub-10, sub-12, absoluto e feminino). A previsión é acadar os 850 inscritos de 88 países. Polo que respecta á representación galega, participarán no torneo 69 xogadores, procedentes das catro provincias galegas.

Leer más:  'Contra vento e marea' es una oda a la superación creada por Rebeliom do Inframundo y Fillas de Cassandra

Catrocentas partidas simultáneas Cada día disputaranse 400 partidas simultáneas no Museo Centro Gaiás, que poderán seguirse en directo desde o espazo habilitado no exterior do museo e tamén vía streaming na web do campionato (www.wccc2018.com).

Román Rodríguez subliñou a relevancia de que Galicia e Santiago de Compostela fosen elixidas como sede deste campionato. “Somos un país preparado para acoller e organizar citas do máximo nivel”, afirmou. “Acoller unha cita como o Mundial de Xadrez demostra que Galicia é un destino idóneo para grandes eventos e que conta con infraestruturas, dotacións, loxística e con profesionais cualificados para poder levalos adiante con éxito”.

A escolla da Cidade da Cultura como sede reafirma tamén a capacidade e o atractivo do complexo do Gaiás para a celebración de citas internacionais tanto deportivas como profesionais e culturais. Ademais deste torneo, a Cidade da Cultura é este ano co-organizadora da YAMsession 2018, o encontro máis importante a nivel europeo para os profesionais que traballan no sector da música dirixida ao público infantil e xuvenil.

Leer más:  Formoso espera que Sánchez siga y acusa al PP de rebasar todas las líneas rojas

Binomio turismo e deporteO evento traerá a Santiago e á Cidade da Cultura arredor de 1.900 persoas e para moitas delas será tamén a primeira vez que visitan Galicia. O conselleiro de Cultura e Turismo fixo fincapé no “binomio que se establece entre deporte e turismo, en forma de beneficios económicos inmediatos para toda a cadea de valor do sector turístico, pero tamén en forma de imaxe e proxección de marca”.

Neste sentido, os participantes no Mundial de Xadrez terán ocasión de visitar non só Santiago, senón outras cidades e lugares de gran valor paisaxístico, natural, arquitectónico e cultural. “É moi bo que estes rapaces e as súas familias coñezan Galicia”, afirmou Román Rodríguez, e tamén que o fagan fóra das datas estivais, “apostando pola desestacionalización e poñendo en valor o noso país como destino turístico durante todo o ano”, engadiu.

No aspecto deportivo, durante o Mundial realizaranse na Cidade da Cultura cursos e seminarios impartidos por árbitros e adestradores cos que se poderán obter as máximas titulacións que outorga a Federación Internacional de Xadrez.

Leer más:  Prado critica la falta de explicaciones de Sánchez sobre una cuestión grave de corrupción, y lo califica como "desaparecido"

O Campionato Mundial de Xadrez Cadete está organizado polas federación galega e española de Xadrez, co apoio da Fundación Cidade da Cultura e da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, a Deputación da Coruña e o Consejo Superior de Deportes.

Torneo de promociónCoa intención de ir quentando motores de cara á celebración do Campionato Mundial, a Cidade da Cultura acolle o 27 de outubro o último torneo do XIII Circuíto Galego Promoción 2018. Nesta competición participarán arredor dun centenar de nenos e nenas das categorías sub-8 a sub-14.

O Circuíto Galego de Promoción naceu co obxectivo achegar e impulsar a afección polo xadrez entre os rapaces e rapazas máis novos de toda Galicia, promovendo o espírito deportivo fronte á competitividade. No ano 2018 este circuíto integrou un total de 18 torneos impulsados por clubs, institucións e organismos que apostan por promover o deporte base en Galicia, obxectivo ao que se suma agora a Fundación Cidade da Cultura co gallo da celebración do Campionato Mundial Cadete no Gaiás.


- Te recomendamos -