Inicio Galicia O mes de setembro en Galicia foi cálido e con precipitacións que...

O mes de setembro en Galicia foi cálido e con precipitacións que se moveron dentro da normalidade

0
image_gallery.jpg

O avance do informe climatolóxico mensual elaborado por MeteoGalicia apunta a que a comunidade autónoma viviu un período con dúas quincenas moi diferenciadas, a primeira marcada por un tempo seco e soleado e a segunda pola entrada de varias borrascas, unha delas moi activa e fría


O pasado mes de setembro caracterizouse por ser cálido e con chuvias dentro da normalidade. Así se desprende do avance do último informe climatolóxico de MeteoGalicia, que distingue dúas metades ben diferenciadas neste período: unha marcada polo tempo seco, soleado e a influencia anticiclónica, e outra na que a comunidade se viu afectada pola entrada de sucesivas borrascas.

Deste xeito, a tónica xeral en Galicia durante a primeira quincena de setembro foi o predominio de condicións anticiclónicas, o que propiciou a chegada aire cálido e un ascenso xeneralizado dos termómetros. Esta situación explica que a temperatura media se situara 0,88 graos por riba do habitual, facendo que o mes poida considerarse cálido se se compara cos valores medios das estacións máis representativas durante o período de referencia 1981-2010.

A anomalía da media das máximas foi bastante máis acusada, concretamente 1,34 graos superior ao esperado, mentres que as mínimas tiveron un comportamento moito máis próximo á normalidade (0,42 graos máis que a media histórica).

En todo caso, houbo unha gran diferencia entre as temperaturas que se rexistraron nas comarcas de Vigo e Baixo Miño, a zona máis cálida de Galicia o mes pasado e na que os termómetros se situaron de media 2,9 graos por riba do agardado, e o ocorrido no golfo Ártabro, onde o mes incluso resultou lixeiramente frío, con 0,6 graos menos. O resto do territorio galego presentou anomalías máis homoxéneas.

O mes, en todo caso, non foi excepcional en comparación co período histórico de referencia. De feito, a anomalía da temperatura media foi lixeiramente superior á rexistrada en setembro do ano pasado (que se situou en 0,77 graos máis).

Normalidade nas precipitaciónsPolo que respecta ás precipitacións, setembro caracterizouse por moverse en valores que se consideran dentro da normalidade. Aínda que houbo escasas xornadas de chuvia xeneralizada, as rexistradas a partir do día 17, coincidindo co comezo dun período marcado polas baixas presións e a entrada de varias borrascas, serviron para compensar en parte o predominio da situación anticiclónica que caracterizara a primeira quincena do mes e permiten falar, en xeral, dun mes normal en canto ao balance hídrico.

En todo caso, choveu un 27% menos do habitual no conxunto da comunidade autónoma, unha anomalía moi similar á de setembro de 2019 e que fai que o mes poida considerarse normal en comparación co período 1981-2010. O episodio máis intenso comezou na xornada do día 25, coa chegada dunha borrasca profunda procedente de latitudes moi ao norte que deu lugar a dous días con temperaturas baixas e chuvias xeneralizadas.

Por áreas xeográficas, as precipitacións acumuladas máis altas acadáronse principalmente nas Serras do Xistral, nos Ancares e na zona do Courel –na provincia de Lugo-, e na Serra do Suído, en Pontevedra, onde se chegaron a contabilizar preto de 151 l/m2 fronte aos 64 l/m2 de precipitación media rexistrada no conxunto de Galicia.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre