Inicio Galicia O mes de abril en Galicia foi moi cambiante, con variabilidade das...

O mes de abril en Galicia foi moi cambiante, con variabilidade das temperaturas e moi chuvioso

0

O informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia subliña que o cuarto mes do ano rexistrou un predominio de altas presións con importantes chuvias, e períodos de anticiclón, con temperaturas elevadas


O pasado mes de abril en Galicia pode considerarse moi cambiante en canto ás temperaturas e moi chuvioso. Esta é unha das conclusións que se recolle no informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia e que é de acceso público na web desta entidade, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

A pesar de que abril foi moi cambiante, houbo un predominio das baixas presións, feito que explica que as chuvias acumuladas estivesen moi por riba do agardado. Non obstante, os períodos de anticiclón, aínda que máis escasos, achegaron temperaturas elevadas, polo que a temperatura media non se afasta moito da agardada en abril.

De feito, as temperaturas tiveron oscilacións moi importantes durante o mes, con períodos moi fríos, principalmente ao principio (xornadas do 2 a 7) e ao final (días 23 a 26), pero tamén un par de situacións anticiclónicas con elevadas temperaturas, que foron capaces de cancelar a anomalía negativa das baixas temperaturas dos períodos mencionados, para deixar unha media en xeral normal para esta época do ano.

Así, o valor medio das temperaturas máximas no mes de abril para Galicia foi de 15.1 ºC, rexistrándose os valores máis altos principalmente no Miño ourensán, onde se acadaron os 20 ºC. En canto ao valor medio das temperaturas mínimas, este foi de 5.3 ºC, sendo os valores máis baixos os rexistrados en Pena Trevinca e no Macizo de Manzaneda, onde as temperaturas acadaron valores negativos, aproximándose aos -1.4 ºC.

En relación coas precipitacións, as chuvias acumuladas durante o mes estiveron moi por riba dos valores climáticos. De feito, cos episodios chuviosos dos primeiros 10 días xa caera aproximadamente a cantidade normal de chuvia, polo que a chegada das seguintes borrascas, algunha delas bastante activa, explica o exceso de chuvia rexistrado neste mes, onde a precipitación media acumulada foi de 203 L/m2. Para ampliar esta información, poden consultar o Resumo do Informe climatolóxico abril 2019, dispoñible na web de Meteogalicia.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre