Inicio Galicia O Intecmar acumula unha suba no seu orzamento de máis do 40%...

O Intecmar acumula unha suba no seu orzamento de máis do 40% desde 2013 ao contar o próximo ano con máis de 3,6 millóns de euros

0

Os fondos dos que disporá o centro encargado do control das zonas de produción marisqueira de Galicia en 2020 son un 8% superiores aos deste ano


A directora do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar), Covadonga Salgado, destacou hoxe no Parlamento que o centro que dirixe contará este ano cun orzamento un 8% superior ao deste ano e que superará os 3,6 millóns de euros. Neste sentido, salientou que esta nova suba supón manter a tendencia de orzamentos crecentes iniciada no ano 2013 e que se traduce nun incremento acumulado dos fondos asignados do 41% desde ese ano.

A responsable do centro dependente da Consellería do Mar subliñou a importancia da actividade do Intecmar no control da calidade do medio mariño e dos seus recursos, un referente mundial na materia, e detallou que un dos capítulos de gastos que máis aumenta é o de persoal, que supera os 2,3 millóns tras subir un 7,5% respecto a 2019 pola incorporación de tres profesionais para reforzar os laboratorios do centro, especialmente a unidade de biotoxinas.

En canto aos gastos correntes, increméntanse un 12% en relación con este ano ata superar os 650.000 euros pola necesidade, entre outras, de acometer reparacións e melloras nas instalacións do centro. Mentres, os gastos para investimentos soben case un 23%, por enriba dos 710.000 euros, para dar cumprimento aos obxectivos operativos do Intecmar en materia de seguridade alimentaria no marco da rede de control e da reposición e actualización dalgúns equipos de laboratorio.

O resto dos gastos, máis de 71.000 euros, teñen como finalidade executar os investimentos de distintos proxectos de investigación nos que o centro participará en 2020 como son os europeos Norwater, Alertox-Net ou CleanAtlantic así como outros nacionais ou financiados con fondos propios da Xunta como Aquasome, Arios, Madetox, Bio-Mya ou Proambrubia.

No capítulo de ingresos, a maior partida corresponde ás transferencias correntes da Consellería do Mar, que ascenden a 2,9 millóns de euros, ás que se suman as transferencias de capital -case 713.000 euros- e que deixan como resultado que o 97% dos ingresos totais do Intecmar se corresponden con fondos propios da comunidade autónoma. Deste xeito, máis de 3,5 millóns dos máis de 3,6 millóns de orzamento do centro son aportados pola Xunta, case un 14% máis que este ano.

Estas cifras, explicou Covadonga Salgado, mostran o compromiso do Executivo galego co traballo do Intecmar, unha aposta blindada nos orzamentos do ano que vén. As partidas fixadas, detallou a directora do centro, son “axeitadas e suficientes” para desenvolver o traballo relacionado coa seguridade alimentaria, a sanidade animal e a observación do océano e loita contra a contaminación mariña accidental que desenvolve o Intecmar.

Neste sentido, lembrou que o ente dependente da Consellería do Mar realiza ao ano 88.000 análises para garantir a salubridade e calidade dos produtos do mar e envía máis de 20.000 notificacións con calquera cambio que se produce na situación das zonas de produción de moluscos bivalvos a todos os axentes implicados.

Nesta lexislatura, incidiu a directora do Intecmar, puxéronse a punto novas técnicas analíticas para cuantificar virus en moluscos bivalvos, implantouse un novo sistema de control de contaminantes químicos que acurta os tempos de determinación de metais, mellora os límites de cuantificación e aumenta a capacidade analítica. Precisamente, este mesmo ano o centro logrou manter e mesmo ampliar a acreditación que concede a Entidade Nacional de Acreditación (ENAC) para os ensaios de norovirus en ostra.

Covadonga Salgado tamén salientou o elevado nivel de execución do orzamento do centro, que entre 2013 e 2018 acadou unha media do 96%. “O Intecmar é un centro clave para o marisqueo e a acuicultura, sectores produtivos nos que Galicia é líder entre todas as rexións europeas, e de capital importancia económica e social en toda a franxa costeira galega”, enxalzou a directora do centro, que lembrou que por iso é, unha vez máis, unha aposta blindada da Consellería do Mar no seu orzamento para 2020.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre