Inicio Galicia O Instituto de Estudos do Territorio traslada o traballo de España ante...

O Instituto de Estudos do Territorio traslada o traballo de España ante a Comisión Europea de Cartografía

0

Técnicos do IET -dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda- viaxaron a asemblea xeral de ‘Eurogeographics’, celebrada esta semana na República checa


O Instituto de Estudos do Territorio vén de trasladar o traballo de España á Comisión Europea de Cartografía, dentro das actividades e encontros da Asemblea xeral de Eurogeographics -que se celebrou esta semana na República Checa- e na que técnicos do IET participaron como representantes da Comisión Territorial, que é o órgano do Consello Superior Xeográfico de España que coñece e informa os proxectos e disposicións que afecten á ordenación do Sistema Cartográfico Nacional e no que se atopan representadas as comunidades autónomas. Cómpre lembrar que o IET ostenta esta representación desde o novembro do pasado ano, por un período de 4 anos.

Grazas á participación nesta asemblea, o IET -dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, terá coñecemento de primeira man dos proxectos e traballos que se están a realizar noutros países no eido da información xeográfica, a cartografía, a topografía, o catastro e o rexistro de terras, ao tempo que trasladará as necesidades das distintas rexións de España.

Este encontro propiciará recibir información sobre novas tecnoloxía aplicadas á xestión catastral e de terras, ao uso da información oficial e á reutilización da información pública, así como o acceso a información xeográfica capturada polos novos programas de observación da terra mediante satélites de alta resolución.

Desde o Goberno galego consideran esta representación unha oportunidade, xa que EuroGeographics é unha organización internacional independente no que se escoitan as voces das autoridades nacionais europeas de cartografía, catastro e rexistro de terras. Esta organización ten como obxectivos trasladar á sociedade a importancia dos datos xeoespaciais, así como o acceso aos mesmos e o mantemento de redes de intercambio de coñecemento e boas practicas entre os seus membros. Están representadas 63 organizacións de 46 estados, o que supón ao redor do 90 % dos organismos responsables de cartografía, catastro e rexistro de terras.

Asemade, o IET dará traslado das conclusións e os aspectos máis destacados abordados durante a celebración desta asemblea xeral na próxima reunión da Comisión Territorial do Consello Superior Xeográfico, que terá lugar o próximo 25 de outubro, e nas próximas xornadas de cartografía das Comunidades Autónomas (JOCCAS) que se celebrará nas Illas Baleares dentro do marco das Xornadas Ibéricas de Infraestruturas de Datos Espaciais (JIIDE 2018). 

No hay comentarios