Inicio Galicia O IGE inicia mañá a recollida de datos en máis de 9.200...

O IGE inicia mañá a recollida de datos en máis de 9.200 vivendas galegas para elaborar a Enquisa estrutural a fogares 2019

0

Esta enquisa permite coñecer as características socioeconómicas e as condicións de vida dos fogares da Comunidade galega

O Instituto Galego de Estatística (IGE) comeza mañá o proceso de recollida de información en máis de 9.200 vivendas para a próxima edición anual da ‘Enquisa estrutural a fogares’, que finalizará no mes de xuño e cuxos resultados estarán listos en decembro.

Esta enquisa, de carácter oficial, está incluída na Lei do Plan Galego de Estatística 2017-2021 e estase a realizar desde o ano 1999. O seu obxectivo principal é o estudo das características socioeconómicas e as condicións de vida dos fogares galegos.

O traballo de campo consistirá na recollida de información sobre unha mostra aleatoria de 9.216 fogares repartidos por toda Galicia. Aos entrevistados realizaránselles preguntas relativas á idade, nivel de estudos, situación laboral, ingresos e gastos do fogar e privación material.

Ademais, este ano inclúese no cuestionario un módulo específico de benestar desde a perspectiva do capital social. En total, está previsto que nesta enquisa participen arredor de 23.000 persoas.

ConfidencialidadeAs vivendas seleccionadas recibirán unha carta na que se lle comunicará aos interesados a obriga que teñen de facilitar os datos, tal e como establece a Lei de Estatística de Galicia, normativa que, por outra parte, garante a confidencialidade de todos os datos que lle sexan proporcionados ao IGE.

En concreto, os datos obtidos están protexidos polo segredo estatístico e tan só se poden utilizar cunha finalidade estritamente estatística.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre