Inicio Galicia O IGE avanza que en 2019 entraron en Galicia 17.747 persoas máis...

O IGE avanza que en 2019 entraron en Galicia 17.747 persoas máis das que saíron, segundo a Explotación de Movementos Migratorios

0
image_gallery.jpg

No ano pasado 46.600 persoas fixaron a súa nova residencia en Galicia, fronte ás 28.853 persoas que deixaron a comunidade autónoma


No ano 2019 entraron a residir en Galicia 17.747 persoas máis das que saíron, xa que 46.600 fixaron a súa nova residencia en Galicia, fronte ás 28.853 que deixaron a comunidade autónoma. Así o reflicte a Explotación de Movementos Migratorios publicada hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

Segundo os datos do IGE, o saldo migratorio externo de Galicia mellorou por sexto ano consecutivo e mesmo medrou un 43% sobre o ano 2018, no que fora de 12.391 persoas. Ademais, a diferencia positiva entre entradas e saídas na comunidade autónoma é a máis elevada que se rexistra en Galicia desde o ano 2008.

En canto ás entradas en Galicia, no ano 2019 producíronse un total de 46.600 inmigracións procedentes do estranxeiro ou doutras comunidades autónomas, o que supón un incremento do 9% respecto ao ano anterior. Esta cifra é a máis elevada desde o ano 2007 e a segunda máis alta de toda a serie histórica desta estatística.

Sobre as saídas, en 2019 contabilizáronse 28.853 emigracións ao estranxeiro ou a outras comunidades autónomas, o que representa un descenso do 5% en comparación co ano 2018. Segundo os datos do IGE, a cifra de persoas que saíron de Galicia é a máis baixa rexistrada desde o ano 2010.

Saldo positivo en todas as provinciasA Explotación de Movementos Migratorios revela tamén que en 2019 as catro provincias galegas gañaron poboación grazas aos movementos migratorios co exterior, toda vez que en todas elas as entradas de novos habitantes superaron ás saídas.

Así, a provincia de A Coruña acadou un saldo migratorio externo de 7.950 persoas, ao rexistrar 19.621 entradas e 11.671 saídas; a de Lugo tivo un saldo de 2.334 persoas, con 5.856 entradas e 3.522 saídas; a de Ourense contabiliza un saldo de 2.289 persoas, con 6.204 entradas e 3.915 saídas; e finalmente, a provincia de Pontevedra obtivo un saldo migratorio externo de 5.174 persoas, con 14.919 entradas e 9.745 saídas.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre