Inicio Galicia O IES Ferrol Vello e o CEIP Xesús San Luis Romero gañan...

O IES Ferrol Vello e o CEIP Xesús San Luis Romero gañan o Concurso-exposición Letras Galegas 2020

0

O CEIP carballés foi seleccionado na categoría de infantil e primaria pola mostra ‘Recordando Carvalho Calero’, mentres que o IES ferrolán se fixo co premio na categoría que inclúe o resto dos centros educativos pola exposición ‘Unha vida polo galego’

O Portal da Lingua Galega publicou onte a resolución do Concurso-exposición Letras Galegas 2020, un certame que cada ano convocan a Xunta de Galicia co apoio de Feiraco.

Desta volta, os centros educativos que realizaron as mellores exposicións para dar a coñecer a vida e a obra do autor homenaxeado o Día das Letras Galegas resultaron ser, en opinión do xurado, o CEIP Xesús San Luis Romero, de Carballo, e o IES Ferrol Vello, da Cidade Departamental. O primeiro, impúxose por terceiro ano consecutivo na categoría de infantil e primaria co traballo Recordando Carvalho Calero, en tanto que o segundo, coa mostra Unha vida polo galego, fíxose co premio na modalidade que inclúe centros de educación secundaria obrigatoria e bacharelato, formación profesional e restantes centros de ensinanzas especiais, ensinanzas deportivas e ensinanzas de idiomas.

Os dous centros educativos gañadores recibirán cadanseu premio en metálico por importe de 2000 euros, mentres que o profesorado implicado no deseño e posta en marcha das exposicións seleccionadas obterá unha certificación de premio de innovación educativa equivalente a 20 horas de formación (30 no caso do coordinador ou coordinadora do proxecto). Ademais, as dúas coleccións de 10 carteis que integran cada unha das mostras e as súas correspondentes guías didácticas imprimiranse e distribuiranse en máis de 2000 puntos de Galicia e do exterior e estarán a disposición de calquera persoa interesada no Portal da Lingua Galega, a canda outros materiais especialmente elaborados para conmemorar o 17 de maio. O obxectivo desta difusión é achegarlle ao alumnado, á sociedade galega, á colectividade emigrante e ao estudantado de galego no estranxeiro a figura de Ricardo Carvalho Calero, a súa obra e o tempo que lle tocou vivir.

O Concurso-Exposición Letras Galegas forma parte da programación institucional que a Xunta de Galicia vai desenvolver nas vindeiras semanas en honra de Ricardo Carvalho Calero, a quen se lle dedicará o vindeiro 17 de maio, e que pode consultarse en www.lingua.gal/dia-letras-galegas.

Exposicións gañadorasO xurado acordou concederlle o premio da categoría de infantil e primaria á mostra Recordando Carvalho Calero, do CEIP Xesús San Luís Romero de Carballo (A Coruña), por combinar da forma máis axeitada a beleza estética, a calidade da lingua e o recurso ás tecnoloxías da información e da comunicación máis innovadoras (como a realidade aumentada), coa finalidade de difundir a figura do autor homenaxeado entre o público máis novo, incluído o que presenta necesidades específicas de apoio educativo, e por estar pensado ata nos menores detalles para dar a coñecer a súa vida, obra e época.

Polo que se refire á exposición Unha vida polo galego, do IES Ferrol Vello, o xurado destacou que consegue plasmar a vida, obra e época de don Ricardo Carvalho Calero nun conxunto harmonioso de carteis nos que son de salientar a modernidade e a acertada selección da información, alén da súa unidade, acadada mediante a recorrencia de imaxes do autor, do seu barrio natal, o Ferrol Vello, e do veleiro como símbolo da súa singradura vital.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre