Inicio Galicia O Goberno galego promove unha maior participación das mulleres no ámbito das...

O Goberno galego promove unha maior participación das mulleres no ámbito das tecnoloxías da información e da comunicación

0

A secretaria xeral da Igualdade e a directora da Axencia Galega de Innovación, participaron no acto de celebración do Día Internacional das rapazas nas TIC

A Xunta promove unha maior participación das mulleres no ámbito das tecnoloxías da información e da comunicación, xa que hoxe se celebra a nivel internacional o Día Internacional das Mulleres nas TIC. Este acto ten como obxectivo dar visibilidade ás mulleres emprendedoras neste eido e ofrecerlle un espazo de intercambio e comunicación, no que participan 17 centros de toda Galicia e máis de 700 estudantesA secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella e a directora da Axencia Galega de Innovación e presidenta do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), Patricia Argerey participaron esta mañá no acto de celebración do Día Internacional das Rapazas nas TIC, unha data que ten como obxectivo alentar as vocacións tecnolóxicas nas rapazas, así como rebaixar a brecha dixital de xénero.

Segundo explicou López Abella, só o 30% dos traballadores no sector tecnolóxico en Europa son mulleres e, en España, a cifra redúcese ao 18%, o que pon de manifesto unha gran desigualdade no acceso ás carreiras desta área, o que se reflicte coa baixa representación feminina en postos directivos e de responsabilidade.

A secretaria xeral da Igualdade afirmou que o crecemento intelixente necesita aproveitar o talento e a capacidade innovadora das mulleres novas mediante a súa incorporación aos estudos e profesións relacionados coas tecnoloxías da información e a comunicación. Por iso o programa Rapazas nas TIC está deseñado para ofrecer unha serie de actividades de visualización e participación positiva das mulleres no eido das TIC, ademais de ofrecer cauces para a participación das alumnas en accións de creación no ámbito das TIC nas que elas sexan as protagonistas, non simples usuarias.

Patricia Argerey manifestou a necesidade de impulsar a presenza de mulleres neste ámbito polo que propuxo algunhas medidas como romper cos estereotipos de xénero, ofrecerlles referentes femininos ou promover políticas que contribúan a concienciar e corrixir esta situación.

No tocante ás políticas públicas, Argerey destacou o traballo que está desenvolvendo o CESGA a prol do aumento da porcentaxe feminina no sector das TIC, a través, por exemplo, do proxecto europeo ICT-Go-Girls para promover o emprendemento entre as rapazas a través das TIC, que foi recoñecido como caso de boas prácticas pola Comisión Europea. Así mesmo, apuntou algunhas medidas que está aplicando a Xunta de Galicia no ámbito da I+D+i como introducir o criterio de xénero como factor de desempate nos contratos de investigación pre e postdoutorais ou dar prioridade en convocatorias da Axencia Galega de Innovación ás empresas que teñan plans de igualdade.

Celebración internacionalDende hai sete anos, o cuarto xoves de cada mes de abril, celébrase a nivel internacional este día. Promovido pola Unión Internacional de Telecomunicacións (UIT), organismo de Nacións Unidas para as tecnoloxías da información e a comunicación, cuxa finalidade é crear un ámbito mundial que motive as nenas e mulleres novas a considerar a posibilidade de seguir carreiras no ámbito das Tecnoloxías da Información e a Comunicación.

Así, a Xunta de Galicia, a través do CESGA organiza este acto xa que participa no Proxecto Europeo ICT-Go-Girls!, Promoción do emprendemento das rapazas de secundaria a través das TIC, e xunto co Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, coordinan a iniciativa galega Rapazas Emprendedoras Nas TIC no marco do Plan Proxecta, baixo a coordinación da Secretaría Xeral de Igualdade, que se dirixe ás rapazas de primeiros anos de secundaria para proporcionarlles unha imaxe máis atractiva do mundo do emprendemento tecnolóxico para acadar unha maior presenza feminina no eido das TIC.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre