Inicio Galicia O Goberno galego apoia a vixésimo primeira edición de Xantar que pon...

O Goberno galego apoia a vixésimo primeira edición de Xantar que pon en valor a riqueza enogastronómica de Galicia

0

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou na presentación do programa do Salón Internacional de Turismo Gastronómico que se celebrará en Expourense do 5 ao 9 de febreiro

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou hoxe na rolda de prensa de presentación da nova edición de Xantar, Salón Internacional de Turismo Gastronómico, que celebra a súa vixésimo primeira edición en Expourense a partir do mércores que vén, día 5, ata o domingo, día 9 de febreiro.

Este ano a feira reúne a 298 expositores con nove países representados: España, Portugal, Costa Rica, Cabo Verde, México, Perú, Chile, Panamá e Arxentina. Xantar cumpre 21 anos e céntrase na promoción do papel que xoga a enogastronomía á hora de dinamizar o entorno rural contribuíndo a fixar poboación e a afrontar o reto demográfico. Por sétimo ano consecutivo, Xantar volver ser o único certame internacional celebrado en España dedicado conxuntamente ao turismo e a gastronomía e ofrécelle ao visitante máis de 150 actividades enogastronómicas e turísticas.

Na súa intervención, Díaz Mouteira indicou que esta feira “é unha fiestra aberta ao mundo na que durante cinco días poñemos a nosa hospitalidade xacobea ao servizo dos participantes e convidados. Así, convértese nunha das principais citas para potenciar Galicia como destino enogastronómico de primeiro nivel e, por extensión, como emprazamento turístico”.

Ademais, a delegada territorial salientou a importancia da estratexia de turismo gastronómico ‘Galicia Sabe’, a folla de ruta impulsada pola Xunta de cara aos próximos anos, que combinará a posta en valor da tradición e vangarda culinaria galega co impulso da competitividade do sector primario. Neste sentido, incidiu na importancia da enogastronomía para a dinamización económica e a xeración de emprego, polo súa capacidade para atraer poboación e polo seu efecto desestacionalizador.

Apoio transversalA representante do Goberno galego subliñou o respaldo de distintos departamentos autonómicos a este evento internacional de turismo gastronómico. Tanto a Consellería do Medio Rural como a do Mar contarán con aulas gastronómicas para realizar obradoiros e demostracións que demostren as posibilidades culinarias dos nosos produtos. Así, organizan showcookings que teñen o obxectivo de poñer en valor os produtos de calidade de Galicia amparados con Denominación de Orixe, Indicación Xeográfica Protexida (IXP) ou con selos de garantía como “PescadeRías” e as conservas de peixe e marisco de Anfaco-Cecopesca.

Tamén haberá un túnel do viño, aguardente e licores que conta co apoio dos cinco consellos reguladores de viño de Galicia e que presentará máís de 150 referencias galegas, incluíndo por primeira vez aos viños recoñecidos coa IXP.

Pola súa banda, a Consellería de Cultura e Turismo achega un posto informativo sobre as moitas posibilidades turísticas que ofrece a nosa Comunidade autónoma. Tamén estará presente a Consellería de Economía, Emprego e Industria cun stand institucional no que se impulsará a promoción dos produtos e servizos das empresas galegas de economía social.

Por último, a Consellería de Sanidade tamén organiza actividades relacionadas coa alimentación saudable e a seguridade alimentaria, centrándose este ano na listeriose.

Protagonismo da Ribeira SacraA 21ª edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico non terá país convidado. Nesta ocasión decidiuse concederlle un protagonismo destacado e especial á Ribeira Sacra como apoio a súa candidatura como Patrimonio Mundial da UNESCO en 2021, coa inclusión dun stand propio así como de restaurantes da zona.

Nesta edición participan 15 restaurantes procedentes de Galicia, Castela e León e de varias rexións turísticas de Portugal.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre