Inicio Galicia O Goberno central acepta as alegacións da Xunta e modifica a proposta...

O Goberno central acepta as alegacións da Xunta e modifica a proposta de distribución dos fondos do 0,7% do IRPF

0

Segundo os novos criterios de reparto, que coinciden co que reclamou a Comunidade Autónoma, as entidades sociais de Galicia recibirían un incremento de máis do 22%, en lugar do 0,9% proposto inicialmente


A conselleira de Política Social, Fabiola García, participou hoxe no Consejo Territorial de servicios sociales y del sistema para la autonomía y atención a la dependencia, presidido polo vicepresidente segundo do Goberno de España, Pablo Iglesias. Durante esta xuntanza, as comunidades autónomas analizaron a nova proposta de distribución dos fondos do 0,7% do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas (IRPF), que modifica os criterios iniciais do Goberno central tendo en conta as alegacións formuladas pola Xunta de Galicia.

Os fondos derivados da casilla social do IRPF destínanse a financiar iniciativas das entidades sociais. Na proposta inicial do Goberno central, trasladada o 6 de maio, a asignación para a Comunidade Autónoma de Galicia incrementábase respecto ao ano pasado un 0,9%. Trala reclamación trasladada pola Xunta, o Executivo central rectifica esta intención inicial e propón agora elevar a asignación de Galicia por riba do 22%.

Na nova formulación deste reparto —que deberá ser confirmada e elevada ao Consello de Ministros nas vindeiras semanas noutro Consejo Territorial—, outórgaselle máis peso á dispersión da poboación en cada territorio. O Goberno central recoñece tamén que Galicia está a recibir menos fondos dos que lle corresponderían se se aplicasen estritamente criterios obxectivos. Se o Consello de Ministros aprobase este novo reparto, a Xunta de Galicia pasaría en 2020 a distribuír entre as entidades sociais 17,1 millóns de euros, en lugar dos 13,9 millóns asignados no ano 2019.

Incremento do Plan ConcertadoDurante a súa intervención, a conselleira reclamou tamén un incremento do Plan Concertado, co que se financian os servizos sociais municipais, ante a carga de traballo que teñen os seus profesionais e que se verá incrementada nas vindeiras semanas se asumen tamén a tramitación do Ingreso Mínimo Vital. Así mesmo, Fabiola García tamén incidiu na petición de flexibilidade na xestión dos 16.000 millóns de euros asignados ás comunidades autónomas, para poder responder ás necesidades extraordinarias do tecido social provocadas pola pandemia.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre