Inicio Galicia O Gaiás festexa o Día dos Museos cun obradoiro colectivo de cestería...

O Gaiás festexa o Día dos Museos cun obradoiro colectivo de cestería con Idoia Cuesta e Julia de la Cal e un vermú musical

0

Baixo o lema ‘Os museos como eixos culturais: o futuro da tradición’, a programación do Día Internacional dos Museos 2019 no Gaiás enxalza a nosa tradición como alicerce cultural e como valor de futuro da vangarda artística


O vindeiro sábado 18 de maio o Museo Centro Gaiás volve converterse nun fervedoiro de actividade con motivo dos festexos do Día Internacional dos Museos (DIM19). A Cidade da Cultura propón un amplo programa, enteiramente de balde, que inclúe edicións especiais das visitas comentadas ás exposicións, obradoiros de artesanía nos que se conxuga tradición e creación contemporánea e un vermú musical con piano-bar ambientado nos anos 30 e 40 no Hall de Tirantes do Museo.

O DIM19 organízase baixo o lema Os Museos como eixos culturais: o futuro da tradición, unha temática que precisamente está moi presente nas exposicións que se poden visitar actualmente no Museo Centro Gaiás –Pensar coas mans: cestería, cerámica e xoiería en Galicia e Valor e mestría. Galicia como fútbol–, e que enxalzan a nosa tradición como alicerce cultural e como valor de futuro da vangarda artística.

Así, a actividade central deste Día dos Museos no Gaiás, e que se desenvolverá en varias quendas durante toda a fin de semana, será o obradoiro colectivo de cestería Enleadas. Estará impartido por dúas das nosas creadoras artesás máis vangardistas e internacionais: as cesteiras Julia de la Cal e Idoia Cuesta –Premio Nacional de Artesanía 2014 e creadora de pezas que teñen chegado á Pasarela Mercedes Benz Fashion Week de Madrid xunto á deseñadora Sara Coleman ou á firma LOEWE–.

Neste obradoiro crearase colectivamente unha escultura con vimbio buff aplicando a cestería intuitiva, unha técnica de tecido ao azar, tamén chamada técnica niño porque está inspirada no xeito en que os paxaros tecen os seu niños libremente na natureza. Desta maneira, as persoas participantes crearán, baixo a dirección das artesás e sen necesidade de coñecementos previos en cestería, diversos volumes e figuras de gran tamaño con formas orgánicas que fluirán no hall do Museo Centro Gaiás.

Todas as persoas poderán aportar o seu grao de area tecendo e entrelazando varas de vimbio sobre a estrutura inicial para conseguir ao remate do obradoiro unha grande escultura coral. Precisamente o título da actividade, Enleadas, quere facer referencia tanto ao enleado do vimbio para tecer as pezas, como á implicación da colectividade para crear en conxunto esta peza única de artesanía.‘Sancosmeiros’ e torneado cerámicoO feito a man estará moi presente durante toda esta xornada festiva e a programación inclúe tamén demostracións e obradoiros de técnicas artesás, destinados a público familiar, no espazo habilitado para tal fin na mostra Pensar coas mans.

As persoas que se acheguen poderán por exemplo ver e aprender, da man da Asociación Cultural De Antes, como se elaboran os tradicionais, fermosos e útiles sancosmeiros. A técnica de fabricación destes chapeus de palla, baseada no sistema que empregaban as mulleres ao trenzarse o cabelo, permitiu que, ademais de sombreiros, puidesen fabricarse cestas, bolsas e moitos máis obxectos.

Pola súa banda, os artesáns Susana González, Antón Román e Roberto Piñeiro impartirán un segundo obradoiro-demostración, neste caso de torneado cerámico. Será unha excelente oportunidade para coñecer de primeira man esta disciplina artesá, gozar da experiencia de ver como se traballa nun oficio con tanto peso e arraigamento no noso patrimonio, e incluso sentar ao torno para modelar o barro coas propias mans e levar para a casa unha pequena peza de recordo.

Visitas especiaisO programa do DIM19 complétase con edicións especiais das visitas comentadas ás dúas exposicións que actualmente acolle o Museo Centro Gaiás, Pensar coas Mans. Cestería, cerámica e xoiería de Galicia e Valor e mestría. Galicia como fútbol, guiadas polos comisarios das mostras, Verónica Santos e Rubén Ventureira. Tamén o Gaiás Secreto programa unha edición especial con motivo dos festexos do Día dos Museos. Así, esta visita que todos os sábados permite coñecer a arquitectura do complexo dun xeito diferente, accedendo a espazos habitualmente restrinxidos como os depósitos bibliográficos, a galería subterránea ou as impresionantes sobrecubertas centrarase dun xeito especial no Museo Centro Gaiás e será nesta ocasión con entrada gratuíta.

Sesión vermú anos 30Para pórlle o toque lúdico a esta xornada festiva nos museos de todo o mundo, todas as persoas participantes están convidadas tamén a unha sesión vermú musical ambientada nos anos 30 e 40. Para esta actividade, que conta coa colaboración de Petroni, o grupo Le BarLuthier traerá a música do seu piano-bar ao Hall de Tirantes do Museo entre as 13,00 e as 14,00 horas.

Toda a información da programación do Día dos Museos está dispoñible na páxina web www.cidadedacultura.gal. Todas as actividades son de balde pero para Enleadas e Gaiás Secreto, é preciso rexistrarse previamente. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre