Inicio Galicia O Gaiás e a asociación Bata promoven a integración social das persoas...

O Gaiás e a asociación Bata promoven a integración social das persoas con autismo coa exposición ?30 anos imaxinando futuros?

0

A mostra, promovida pola asociación BATA xunto as Consellerías de Cultura e Turismo e de Política Social, inclúe máis de 35 obras entre cadros, debuxos e pezas de cerámica, elaboradas por persoas con trastorno do espectro autista (TEA)


A Cidade da Cultura e a asociación Autismo BATA queren promover a integración social das persoas con trastorno do espectro autista (TEA) coa exposición 30 anos imaxinando futuros, que desde hoxe ata o 17 de abril pode visitarse na Sala Eisenman da Cidade da Cultura de Galicia. A mostra, que abriu as súas portas esta mañá coincidindo coa celebración do Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, recolle unha escolma de máis de 35 obras entre lenzos, debuxos e pezas de cerámica, todas elas elaboradas por persoas con TEA.

Na apertura da exposición participaron a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Ana Isabel Vázquez Reboredo; o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Xunta de Galicia, Ildefonso de la Campa Montenegro; a vicepresidenta de BATA, Mónica Santos; así como dous integrantes da asociación que deron lectura a un manifesto.“Desde a Cidade da Cultura queremos ser un espazo aberto á participación activa dos axentes sociais, que a través de proxectos como este enriquecen a nosa oferta cultural e de eventos e nos fan ser unha Cidade da Cultura máis viva, integradora e aberta”, sinalou Vázquez Reboredo. A directora xerente do Gaiás agradeceu tamén a BATA que “nos achegue así, a través da arte, o día a día do colectivo de persoas con TEA, pois darlle visibilidade a persoas con capacidades diferentes axúdanos a entender mellor o seu modo de ver o mundo”.

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade remarcou o “compromiso permanente e irrenunciable” do Goberno galego coa discapacidade, traballando da man das asociacións e colectivos sociais. De la Campa quixo por en valor especialmente o traballo de BATA para mellorar a vida das persoas con TEA: “O voso esforzo e dedicación infinita para sumar e superar atrancos e fronteiras demóstranos que as fronteiras están só nas nosas cabezas”, remarcou.

Por último, a vicepresidenta de Autismo BATA, Mónica Santos, quixo agradecer “o apoio institucional para pór en marcha esta exposición na que as persoas con TEA representan como ven o seu futuro e onde plasman os seus sentimentos e a súa forma de entender a vida: é un regalo poder amosalas en público e que as persoas que a visiten coñezan a súa realidade”.

Rachar estereotipos 30 anos imaxinando futuros procura promocionar experiencias culturais positivas que permitan desenvolver a curiosidade e o sentido estético e crítico, ademais de rachar estereotipos e ideas preconcibidas e achegar á sociedade a mensaxe de que, cando as persoas contan cos medios axeitados, todas as metas son posiblesA mostra, que implica ás Consellerías de Cultura e Turismo e de Política Social, enmárcase no programa de actividades organizado pola asociación Autismo BATA con motivo do seu 30 aniversario, que se desenvolverá ao longo de todo o ano e que abrangue ámbitos como a cultura, o social ou o deportivo. A entidade celebra deste xeito os seus 30 anos acompañando a persoas con TEA e as súas familias nun camiño cheo de aprendizaxes e superación.

A Cidade da Cultura enmarca esta colaboración con BATA no obxectivo de promover a cultura como vía de integración social e desenvolvemento persoal, e no seu compromiso de abrir o programa de actividades e os espazos da Gaiás a todos tipo de públicos.

A exposición poderá visitarse de balde na Sala Eisenman da Cidade da Cultura ata o vindeiro mércores 17 de abril. Ademais, con motivo do Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, as emblemáticas Torres Hejduk do complexo iluminaranse en azul durante toda esta semana.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre