Inicio Galicia O Gaiás continúa os concertos das ?Matinais Clásicas' coa música de cámara...

O Gaiás continúa os concertos das ?Matinais Clásicas' coa música de cámara para clarinete e trío de cordas De M. Sancho Quartet

0

O ciclo rematará o 11 de xullo cun concerto da Real Filharmonía de Galicia, que retoma na Cidade da Cultura as actuacións presenciais tralo parón pola covid-19

Un percorrido pola música de cámara para clarinete e trío de cordas de entre finais do século XVIII e principios do XIX foi o repertorio escollido por M. Sancho Quartet para o concerto de hoxe do ciclo Matinais Clásicas, que cada sábado está a congregar no Museo Centro Gaiás a un cento de asistentes para gozar da música clásica en recitais de pequeno formato e prazas limitadas.

Obras de Mozart, Schubert e Crusell compuxeron o programa escollido para a ocasión pola formación fundada en 2015 pola clarinetista galega Marta Sancho Andrés, catedrática de clarinete no Conservatorio Superior de Música da Coruña que combina a súa actividade docente coa concertística, tanto en música de cámara como en orquestra, en formacións como a Orquestra Sinfónica Vigo 430, da que forma parte desde a súa fundación en 2005.

Sancho estivo acompañada nesta ocasión de Anca Smeu –violinista co-principal da Real Filharmonía de Galicia, que tamén foi integrante da Orquestra Filharmónica de Brasov de Romanía e a Orquestra la Neuville de Suíza, entre outras–, Timur Sadykov –viola na Real Filharmonía de Galicia, formou parte da Orquestra de Moscova na sección de primeiros violíns, colaborando tamén coa Orquestra Sinfónica de Radio Estatal Rusa, a orquestra RTVE, ou a Orquestra Sinfónica de Galicia– e Alejandra Díaz –violonchelista gañadora do Premio Carnegie Palmer da Worshipful Company of Musicians, que ten actuado coa London Symphony Orquestra, a Real Filharmonía de Galicia, a London Metropolitan Sinfonia, a Orpheus Sinfonia ou a Orquestra Sinfónica de Galicia–.

O vindeiro sábado 11 de xullo, o ciclo pechará coa volta aos escenarios –tralo parón obrigado pola situación sanitaria– dunha das principais formacións orquestrais do país: a Real Filharmonía de Galicia, que retoma as actuacións presenciais precisamente con este concerto no Gaiás, para o que xa están esgotadas as entradas-convite.

Medidas de seguridade poscovid-19Matinais Clásicas arrancou o seu programa o 27 de xuño cun recital de canción galega e española da viguesa Nuria Lorenzo, unha das principais mezzosopranos galegas, acompañada do recoñecido pianista Alejo Amoedo.

O ciclo, que programa un total de tres concertos de balde cunha capacidade limitada, estase a rexer por un estrito protocolo que require de inscrición previa para acceder ao recinto e inclúe, entre outras medidas, un circuíto de entrada e saída, o mantemento da distancia social entre os asistentes non pertencentes á mesma unidade familiar, a obriga de asistir con máscara de protección mentres non se ocupe a cadeira asignada ou a substitución dos programas de impresos polo seu equivalente dixital.  

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre