Inicio Galicia O Gaiás acolle hoxe a xornada de presentación da nova liña de...

O Gaiás acolle hoxe a xornada de presentación da nova liña de axudas á dixitalización de fondos documentais

0

A Xunta subvenciona con 750.000 euros a dixitalización de documentos en soporte papel de concellos, asociacións, fundacións, museos e entidades sen fins de lucro


A Memoria Dixital de Galicia, impulsada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Consellería de Cultura e Turismo avanza na conservación e universalización do patrimonio galego co lanzamento dunha segunda liña de axuda para a dixitalización dos fondos documentais de vinte entidades públicas e privadas sen fins de lucro.

O Auditorio do Edificio CINC acolle esta mañá unha xornada de traballo, na que unha trintena de profesionais das entidades ás que van destinadas as axudas coñecerán da man dos técnicos das áreas de Arquivos, Museos e Bibliotecas da Administración autonómica os requisitos e protocolos para a dixitalización dos seus fondos documentais e a súa futura incorporación a Galiciana. O encontro foi inaugurado pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e o director xeral de Políticas Culturais, Anxo Lorenzo.

Esta segunda liña de axudas, que conta cun importe total de 750.000 euros, está destinada á dixitalización de fondos documentais en soporte papel (publicacións seriadas, manuscritos, mapas, material gráfico como fotografías, gravados, carteis, debuxos, monografías e folletos, e partituras, partituras anotadas ou manuscritos de música). Con esta nova convocatoria son xa máis de 1,4 millóns de euros públicos os destinados a facilitar a dixitalización de fondos patrimoniais.

Subvencións de ata 90.000 eurosA convocatoria, que sairá publicada no Diario Oficial de Galicia nos vindeiros días, subvencionará proxectos cun importe mínimo de 10.000 euros e máximo de 90.000 euros. As entidades beneficiarias recibirán un anticipo do 80% da subvención concedida este ano e o 20% restante en 2021, unha vez acreditado o remate dos traballos de dixitalización. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes desde o día seguinte á súa publicación no DOG.

As axudas están dirixidas aos órganos estatutarios da Comunidade Autónoma, entidades locais, e entidades delas dependentes, universidades públicas e o Consello Galego de Universidades, entidades privadas sen fins de lucro que dispoñan de activos do patrimonio cultural de Galicia, Reais Academias e as Academias de Galicia, oficialmente establecidas e recoñecidas.

Vinte proxectos de dixitalización en 2019Da primeira liña de axudas beneficiáronse unha vintena de entidades cun importe total de 712.000 euros. Todos estes recursos, unha vez dixitalizados, estarán accesibles este ano desde o portal Galiciana, a porta de entrada á todos os fondos dixitais das bibliotecas, arquivos e museos de Galicia cuxos contidos irán aumentando a medida que se desenvolvan as actuacións previstas na Memoria Dixital de Galicia.

Memoria Dixital de GaliciaA Memoria Dixital de Galicia é unha estratexia impulsada desde o ámbito público, a través da Consellería de Cultura, Educación Ordenación Universitaria e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), en colaboración coa sociedade galega e con todos os axentes implicados na xestión do patrimonio cultural galego, baixo a denominación das institucións da memoria, entre os que están o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega, o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento ou as Universidades públicas galegas.

Con esta iniciativa Galicia aposta polo establecemento de sinerxías e modelos colaborativos entre as entidades públicas, privadas e calquera axente con responsabilidade no patrimonio cultural para acadar o maior nivel de catalogación, preservación e difusión, independentemente da súa ubicación ou propiedade. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre