Inicio Galicia O festival Underfest celebra en Vigo a súa terceira edición como novo...

O festival Underfest celebra en Vigo a súa terceira edición como novo membro adherido á marca Fest Galicia promovida pola Xunta

0
image_gallery.jpg

Terá lugar en varios escenarios da cidade do 25 ao 27 de setembro, con artistas como Belako, Blanco Palamera, Rusowsky, Mori, Egosex ou Tito Ramírez


O Underfest Son Estrella Galicia celebra do 25 ao 27 de setembro en Vigo a súa terceira edición incorporado como novo evento membro de FEST Galicia, a marca promovida pola Xunta para prestarlles apoio aos festivais de música máis estratéxicos, impulsar a nosa Comunidade como destino musical e garantir criterios de calidade, sustentabilidade e responsabilidade social neste tipo de encontros.

A Delegación Territorial da Xunta en Vigo acolleu esta mañá o acto de presentación de Underfest 2020, que chega cun formato reducido e con ocupacións limitadas pola normativa sanitaria, mais cunha carteleira baseada en propostas musicais moi selectas e para diferentes tipos de público. Así o expuxeron o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e a delegada territorial Marta Fernández-Tapias, que acompañaron a Raquel Seijo, da produtora viguesa Sweet Nocturna, promotora do festival, na descrición dos contidos do Underfest deste ano.

A carteleira, encabezada polo grupo vascos Belako, complétase con con outros tres grupos que ofrecerán os seus recitais en tres escenarios da cidade. Así, o festival arrancará o venres 25 no Teatro Afundación cun concerto de homenaxe a Ennio Morricone, con fragmentos de bandas sonoras interpretadas pola Orquestra Clásica de Vigo. O sábado, o evento trasladarase ao Auditorio Municipal, onde actuarán Blanco Palamera, Rusowsky e Mori. O domingo 27 a cita será na terraza do Auditorio Mar de Vigo, con Belako, Tito Ramírez e Egosex.

Impulso para 2021Na súa intervención, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade lanzou unha mensaxe de apoio e recoñecemento ao todo o colectivo profesional do sector que está a posibilitar que poidamos seguir gozando da cultura. “Temos que ser conscientes de que esta adaptación dos nosos festivais está a representar un novo reto de xestión, unha planificación diferente, que lles permite manter o contacto cos seus espectadores e lles dará impulso para volver con toda a forza en 2021”, engadiu.

Defendeu, así mesmo, a pertinencia da continuidade de iniciativas como a da marca FEST Galicia, creada polo goberno galego hai dous anos e que agrupa na actualidade, as edicións adaptadas, presenciais ou en liña, de 13 eventos adheridos: Vive Nigrán, Sinsal, 17º Ribeira Sacra, SonRías, Revenidas, PortAmérica, Resurrection Fest, Festival de la Luz, Atlantic Fest, Caudal Fest, Maré e Underfest.

O director da Agadic explicou tamén que a todos estes festivais se lles presta un apoio especial “xa que compartimos con eles moitos obxectivos: desde a dinamización das industrias culturais ata a configuración dunha oferta de ocio de calidade, pasando polas posibilidades que nos ofrecen aos distintos departamentos da Xunta como plataformas de comunicación de valores positivos con toda a cidadanía, pero sobre todo coa xuventude”.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre