Inicio Galicia O 'FalaRedes' leva ?Canta, miña pedra, canta? ao Grove e a Cangas

O 'FalaRedes' leva ?Canta, miña pedra, canta? ao Grove e a Cangas

0

A actividade, que chega da man de Xoán Curiel e Caro Pita, combina narración e música para achegarlle o mundo de Fraguas ao público familiar


O FalaRedes, o programa de dinamización que a Consellería de Cultura e Turismo impulsa a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, centrará a súa programación esta fin de semana nas comarcas do Salnés e do Morrazo, onde se poderá ver a gozar a actividade Canta, miña pedra, canta. A primeira parada será o venres, ás 18,00 horas, na Casa da Cultura Lueiro Rey do Grove. Ao día seguinte, sábado, e tamén á mesma hora, a cita será no Auditorio Municipal de Cangas.

Canta, miña pedra, canta é a nova proposta que ten en carteleira esta primavera o FalaRedes 2019 e chega da man do músico Xoán Curiel e da contadora Charo Pita para achegarlle ás familias a obra de Antonio Fraguas, autor ao que este ano se lle dedican as Letras Galegas. O espectáculo combina narracións tradicionais con cantigas populares que Fraguas recolleu nun dos seus libros máis significativos: Aportacións ao Cancioneiro de Cotobade. A obra está especialmente pensada para nenos de entre 6 e 12 anos. Como é habitual neste programa, a entrada será libre e de balde ata completar a capacidade dos espazos elixidos.

Desde a súa estrea, o pasado 23 de marzo en Noia, percorre ata finais de maio 14 concellos galegos. Despois destas citas no Grove e en Cangas, continuará a súa xira en maio nos concellos de Boiro, Vilagarcía de Arousa, Barbadás, A Estrada e Ames.

Desde o mes de marzo e ata finais de ano, as actividades do FalaRedes están a percorrer os concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL). Trátase dunha iniciativa para incidir na promoción do uso da lingua galega no eido local que conta con máis de 190 entidades adscritas.

Toda a información sobre esta edición dispoñible no Portal da Lingua Galega, nas redes sociais da RDL e na Axenda de Cultura de Galicia.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre