Inicio Galicia O equipo do CPR Plurilingüe Sagrada Familia de Vilagarcía de Arousa, gañador...

O equipo do CPR Plurilingüe Sagrada Familia de Vilagarcía de Arousa, gañador da undécima edición de Parlamento Xove

0

O grupo do IES de Becerreá quedou segundo clasificado na competición

O equipo do CPR Plurilingüe Sagrada Familia de Vilagarcía de Arousa resultou onte gañador na categoría de Educación Secundaria Obrigatoria da undécima edición de Parlamento Xove. Un total de 32 mozas e mozos de oito equipos diferentes participaron neste torneo final, que se realizou de maneira telemática e cuxo tema de debate foi: Deberían incrementarse as sancións para as persoas que non respecten o medio ambiente?Os gañadores desta competición terán como premio unha viaxe valorada en 5000 euros. O segundo clasificado foi o grupo de estudantes do IES de Becerreá que tamén terán un agasallo e un diploma acreditativo. Cada equipo está formado por un profesor ou profesora e catro alumnos de 3º e 4º de ESO.

Dos 24 equipos que iniciaron o programa, os participantes nesta final foron: o CPR Plurilingüe Sagrada Familia (Vilagarcía de Arousa); CPR Maristas Cristo Rei (A Coruña); Colexio La Salle (Santiago de Compostela); IES A Xunqueira II (Pontevedra); IES de Becerreá; Colexio Internacional Sek Atlántico (Poio); CPR Maristas A Inmaculada (Lugo); e o CPR Plurilingüe Liceo La Paz (A Coruña).

A Xunta de Galicia decidiu celebrar esta fase final por videoconferencia para garantir a saúde e a seguridade de todos os participantes nesta iniciativa en vez de realizarse no Parlamento de Galicia como se acostuma a facer. Neste sentido, a emerxencia sanitaria provocada pola covid-19 impediu a celebración das fases clasificatorias das modalidades de Bacharelato e universidades e, polo tanto, non se celebrarán as súas correspondentes finais.

Formato do torneo Parlamento Xove é unha competición de debate na que os equipos representantes de centros educativos de toda Galicia empregan a oratoria para defender un determinado punto de vista acerca dun tema proposto pola organización. Os participantes de cada equipo –formado por catro alumnos/as e un profesor/a- analizan, escriben e debaten sobre o tema proposto, incluíndose tamén a realización dun artigo de investigación.

A dificultade da actividade está en que só cinco minutos antes de cada encontro dialéctico se procede ao sorteo da postura a adoptar por cada equipo, a favor ou en contra, en relación á cuestión formulada. Ten por obxectivo fomentar entre a mocidade o diálogo como ferramenta para argumentar razoadamente as ideas propias, a tolerancia e o respecto polas ideas dos demais, así como potenciar as habilidades lingüísticas dos participantes. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre