Inicio Galicia O encontro Corazón da Artesanía amosa ata o domingo en Agolada o...

O encontro Corazón da Artesanía amosa ata o domingo en Agolada o pulo do sector e a súa relación coa gastronomía, a música e a moda

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, inaugurou a oitava edición desta iniciativa, coa que a Xunta busca achegar os oficios tradicionais a toda a sociedade, amosando o traballo de 66 profesionais

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, foi hoxe o encargado de inaugurar o VIII Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia. Corazón da Artesanía, que amosa ata o domingo no conxunto histórico-artístico dos Pendellos de Agolada (Pontevedra) o pulo deste sector e a súa interrelación con outras disciplinas como a gastronomía, a música e a moda.

Na súa intervención, Conde sinalou que a través desta cita referente anual a Xunta busca ofrecer un concepto moi amplo do sector, achegándoo a toda a sociedade a través de demostracións e obradoiros para todo tipo de públicos. Tal e como apuntou na súa intervención, nesta edición pode verse o traballo de 66 artesáns e visitar 47 postos de produtos alimentarios de calidade. A isto súmanse os showcookings e degustacións de Artesanía no Prato, as actuacións musicais e os cursos de especialización, nun programa co que se busca “promocionar o sector artesán e contribuír ao seu posicionamento no mercado”, ao tempo que se fomentan sinerxías con outras disciplinas.

O conselleiro, que apuntou que o sector artesán “asenta as súas raíces na tradición cultural galega para proxectarse con ilusión cara o futuro”, sinalou que a Artesanía de Galicia está medrando, e así fixo fincapé en que desde o ano 2012, cando arrancou o Corazón da Artesanía, hai un 12% máis de profesionais inscritos no Rexistro xeral de Artesanía de Galicia, ata superar os 3.000. Ademais, hai un 47% máis de obradoiros rexistrados, sendo xa preto de 640 as empresas que venden os seus produtos coa marca Artesanía de Galicia.

Segundo subliñou Francisco Conde, isto é posible en boa medida grazas á incorporación de mozos e mozas ao sector, sumando novas competencias e disciplinas, visións e modelos de negocio. Neste sentido, sinalou que a Administración autonómica quere colaborar nesta liña, atraendo e prestixiando a artesanía galega e así, ata o vindeiro 16 de setembro, está aberta á presentación de solicitudes a segunda edición do programa para impulsar a formación de aprendices nos obradoiros artesáns, que na súa primeira convocatoria permitiu formar 48 bolseiros.

Conde lembrou que este programa se suma ás axudas para impulsar a innovación e a comercialización dos produtos, aspectos fundamentais para seguir potenciando os oficios tradicionais nos que tamén axudou a avanzar nos últimos anos o Encontro Corazón da Artesanía.

Así, fixo fincapé en que Agolada é o gran escaparate de difusión dos produtos que promove relacións do sector con empresas e tendas. Así, por exemplo, a raíz da edición anterior, Loewe incorporou na súa colección de 2019 pezas da Asociación de Redeiras Illa da Estrela de Corme, e da cestería de Álvaro Leiro. Este ano visitan Agolada representantes tanto de Loewe como da tenda madrileña La Real Fábrica.

Programa para mañáO programa de mañá sábado no Corazón da Artesanía iníciase co pasarúas do Grupo Bico da Balouta de Agolada de 11:30 a 13:00 horas. A continuación, o Dj Moreno Moreno será o encargado de amenizar a sesión Vermú Lodeiros das 13:00 horas. Moreno Moreno caracterízase por un estilo ecléctico que mestura desde a música pop ata a alternativa, ritmos latinos, electrónica e techno.

A iniciativa Artesanía no Prato continúa a través dos showcookings do cociñeiro galego do Grupo Nove Héctor López (dous Soles Repsol), do Restaurante España (Lugo), que terá lugar en dúas sesións ás 13:30 e ás 15:00 horas. Pola súa banda, Alén Tarrío, do Pampín Bar (Santiago de Compostela), ofrecerá a súa demostración a partir das 20:30 horas.

Xa pola noite, os visitantes poderán continuar a xornada lúdica coa actuación de Fanfarria Taquikardia, ás 22:30 horas na Praza do Concello. O repertorio deste grupo vai das melodías balcánicas a coñecidas pezas da música clásica e do cine, pasando pola música tradicional galega e latina, achegándolle sempre o espírito necesario para o baile e a festa. A banda está integrada por instrumentos de vento-metal e percusións varias.

Ademais de percorrer os postos de exposición e venda, os visitantes poderán asistir a demostracións de oficios tradicionais e participar nos obradoiros gratuítos abertos para todos os públicos, que están programados en horario de 11:30 a 14:00 e de 16:00 a 21:30 horas. Nesta ocasión impartirase para adultos e nenos un obradoiro de manipulado de papel, impartido por Mimadriña (Fisterra); outro de creación de cianotipias, a cargo de María José Martínez e José Antonio Carrera (Vigo); un curso de iniciación ao torno cerámico, da man de Susana González (A Coruña), Antón Romar (Gondomar) e Roberto Piñeiro (Vigo); e un obradoiro de pintura sobre tecido, impartido por Como Pez en el Agua (Santiago de Compostela). 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre