Inicio Galicia O DOUE recolle a solicitude de modificación da IXP Pataca de Galicia...

O DOUE recolle a solicitude de modificación da IXP Pataca de Galicia para estender o seu ámbito de produción a toda Galicia

0

Outros dos cambios solicitados é a introdución das variedades agria e fina de Carballo, que se sumarían á actualmente permitida, a kennebec


O Diario Oficial da Unión Europea (DOUE) vén de publicar a solicitude de modificación da Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia, co fin de poder estender o ámbito de produción deste selo a toda Galicia.

Con esta publicación dáse por concluída a fase de análise do expediente por parte da Comisión e iníciase así un período de tres meses para que os interesados dos outros estados membros poidan formular oposición a esta modificación, de acordo co establecido no artigo 50 do Regulamento Europeo.

Esta modificación é realmente relevante e moi demandada e esperada polo sector, pois ata o de agora a zona de produción reducíase a tan só catro subzonas: a de Bergantiños, na provincia da Coruña; as de Terra Chá-A Mariña e de Lemos, na provincia de Lugo; e a da Limia, na provincia de Ourense.

Outro dos cambios solicitados é a introdución das variedades agria e fina de Carballo, que se sumarían á actualmente permitida, a kennebec. Deste xeito, permitiríase o cultivo e transformación dunha variedade -a agria- moi cultivada na zona da Limia -principal zona produtora de Pataca de Galicia- e moi demandada pola industria para pataca fritida.

Segundo os últimos datos oficiais, na Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia están inscritos un total de 74 produtores e 10 almacenistas, cunha superficie de produción de 282 hectáreas repartidas entre as catro subzonas. En canto á produción comercializada, no ano 2018 foi de case 6.000 toneladas de pataca, o que xerou un valor económico de case 6 millóns de euros.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre