Inicio Galicia O DOG publica os domingos e festivos nos que as grandes superficies...

O DOG publica os domingos e festivos nos que as grandes superficies comerciais poderán abrir no 2020

0

Como cada ano, trátase de dez días que foron consultados pola Xunta coas principais organizacións do comercio galego e dos consumidores


A Consellería de Economía, Emprego e Industria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) os domingos e festivos nos que os establecementos comerciais que non gozan de liberdade horaria, entre os que se atopan as grandes superficies, poderán abrir ao longo do vindeiro ano 2020.

Logo da consulta previa ás principais organizacións do sector, ao Consello Galego de Consumidores e Usuarios e ao Consello Galego de Cámaras, os días de apertura, que tal e como marca a normativa son dez cada ano, repártense do seguinte xeito: o 5 de xaneiro, domingo véspera do Día de Reis; o 12 de xaneiro, primeiro domingo que coincide co inicio tradicional das rebaixas de inverno; o 9 de abril, Xoves Santo; o día 5 de xullo, primeiro domingo despois da data tradicional de inicio das rebaixas de verán; o 11 de outubro, domingo véspera do Día da Hispanidade; o 29 de novembro, domingo que coincide na semana do Black Friday; e os catro domingos de decembro: 6 de decembro, día da Constitución; 13, 20 e 27 de decembro.

Calquera concello que o estime oportuno poderá solicitar ata o próximo 15 de novembro a modificación de ata dúas datas para o seu termo municipal para adaptalo aos festivos locais ou atendendo a calquera outra circunstancia motivada.

Cómpre sinalar que estes domingos e festivos non son de aplicación para o pequeno comercio, xa que, con carácter xeral, poden decidir libremente o seu horario e días de apertura os establecementos de ata 300 metros cadrados, coa excepción dos que non teñan a consideración de pequena e mediana empresa. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre