Inicio Galicia O DOG publica o decreto que regula o Censo de Solo Empresarial...

O DOG publica o decreto que regula o Censo de Solo Empresarial de Galicia, que entrará en vigor a finais do mes de novembro

0

Grazas a esta nova ferramenta, creada pola Lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais, a Comunidade galega converterase nunha das primeiras en dispoñer dun rexistro global e actualizado da superficie empresarial dispoñible

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o decreto polo que se regula o Censo de Solo Empresarial de Galicia e o seu réxime sancionador, unha ferramenta na que terán que inscribirse todas as áreas empresariais emprazadas na Comunidade que teñan solo dispoñible na actualidade, así como aquelas que estean previstas para o seu inmediato desenvolvemento.

Deste xeito, o novo Censo servirá para coñecer a oferta real de solo empresarial en Galicia para a súa comercialización e o grao de ocupación das áreas empresariais existentes, polo que o acceso ao mesmo será público, co obxecto de que sexa un instrumento de avaliación, planificación e actualización das necesidades deste tipo de superficie na comunidade.

Tras a entrada en vigor do decreto regulador o próximo 27 de novembro, Galicia será unha das primeiras comunidades do país en dispoñer dun Censo de Solo Empresarial global, exhaustivo e actualizado. Trátase dun instrumento previsto na Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais co fin de facilitar información sobre as posibilidades de asentamento ás empresas que elixan a Comunidade galega como centro de desenvolvemento da súa actividade e para fomentar a riqueza e o emprego.

Segundo se recolle no decreto, será obrigatoria a inscrición de todas as áreas empresariais existentes en Galicia que teñan ou vaian ter parcelas dispoñibles para a súa comercialización. Tamén será obrigatorio inscribir aquelas áreas previstas para o seu desenvolvemento inmediato. A obriga comprende todas as áreas empresariais emprazadas na comunidade, xa sexan promovidas por persoas físicas ou xurídicas, promotores públicos ou privados e con independencia de onde teñan estes o seu domicilio social.

Os datos do censo serán públicos, gratuítos e accesibles a través da web do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), organismo encargado da súa xestión. Deste xeito, todos os interesados poderán coñecer a dispoñibilidade de solo empresarial en Galicia, xa que será obrigatorio especificar en cada caso a oferta existente, individualizada por parcelas coa súa referencia catastral, superficie, tipoloxía e usos permitidos, así como a natureza da operación (venda, arrendamento con ou sen opción de compra, dereito de superficie, etc).

Serán os promotores das áreas empresariais os responsables da inscrición no censo do solo dispoñible ou de inmediato desenvolvemento, polo que contarán cunha aplicación informática na páxina web do IGVS que lles facilitará o traballo de proporcionar a información necesaria, detallada no decreto regulador publicado hoxe.

Para levar a cabo a inscrición do solo, os promotores disporán dun prazo de tres meses contados a partir da data da entrada en vigor dos correspondentes plans parciais ou proxectos sectoriais. No caso de áreas empresariais que xa estean en urbanización ou en funcionamento no momento de entrada en vigor do decreto –o 27 de novembro- o prazo para a inscrición será de seis meses.

Os cambios que se produzan na situación das parcelas inscritas, como a súa venda ou arrendamento, deberán ser comunicados como máximo nun mes para que a información pública do Censo de Solo Empresarial –que estará dispoñible sempre a través da páxina web do Instituto Galego da Vivenda e Solo- se manteña actualizada.

En caso de incumprimento da obriga de inscrición no censo por parte dos promotores das áreas empresariais, as sancións irán de 1.000 a 10.000 euros, segundo establece o réxime sancionador regulado tamén no decreto.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre