Inicio Galicia O DOG publica hoxe o decreto polo que se crea unha xerencia...

O DOG publica hoxe o decreto polo que se crea unha xerencia específica para a Axencia Galega da Calidade Alimentaria

0

Esta modificación da estrutura non suporá un incremento do gasto público, xa que se fai amortizando outro posto vacante

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o decreto polo que se modifican os estatutos da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal) para crear a súa xerencia. A posta en marcha desta figura obedece á necesidade de atribuír a un órgano concreto a coordinación e xestión de toda a actividade administrativa da entidade, na procura dunha maior axilidade, eficiencia e eficacia na súa actuación.

Esta modificación da estrutura da Agacal non suporá un incremento do gasto público, xa que se fai amortizando o posto vacante da subdirección de coordinación e promoción para o desenvolvemento do medio rural da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), que tamén depende da Consellería do Medio Rural. O decreto establece tamén que o xerente será nomeado e cesado polo Consello Reitor da axencia, por proposta do seu presidente, que é o conselleiro do Medio Rural.

Tal e como establece a publicación do DOG, as funcións da xerencia son a xestión, coordinación, control e seguimento do resto das áreas e órganos administrativos da súa estrutura; ademais da coordinación e seguimento da xestión económica, contractual, orzamentaria e patrimonial da axencia. A creación desta figura redundará nunha mellora da xestión da Agacal e, por extensión, de todo o relativo á promoción e protección da calidade diferencial dos produtos alimentarios galegos, así como dos ámbitos da formación e investigación agroforestal.

Cómpre lembrar que a Agacal naceu co principal cometido de impulsar a promoción e protección da calidade diferencial dos produtos alimentarios da nosa comunidade acollidos aos distintos indicativos. Eses produtos con denominación de orixe e indicación xeográfica protexida son o baluarte da produción agroalimentaria galega de calidade.

O sector agroalimentario dos produtos de calidade acada unha facturación anual duns 450 millóns de euros e implica a case 30.000 explotacións agrarias (moitas delas de carácter familiar) e unhas 900 industrias, polo que ten unha gran importancia tanto dende o punto de vista económico como social na nosa comunidade autónoma.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre