Inicio Galicia O DOG publica hoxe o decreto de aprobación do Regulamento da Lei...

O DOG publica hoxe o decreto de aprobación do Regulamento da Lei de protección da paisaxe, que entrará en vigor o 28 de xullo

0

Deste xeito, Galicia consolídase entre as comunidades máis avanzadas nesta materia e convértese na única autonomía, xunto con Cataluña, en ter un marco normativo propio sobre paisaxe e completar o seu desenvolvemento regulamentario

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o Decreto polo que se aproba o Regulamento da Lei de protección da paisaxe de Galicia, que entrará en vigor aos 20 días desde a súa publicación, é dicir, o vindeiro 28 de xullo. Así, Galicia consolídase como unha comunidade pioneira nesta materia, xa que se converte na única rexión española, xunto a Cataluña, que conta cunha norma específica sobre paisaxe e consegue completar o seu desenvolvemento regulamentario.

O principal obxectivo é a protección, xestión e ordenación da paisaxe en desenvolvemento do previsto na Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia. A súa aplicación estenderase non só ao territorio de Galicia senón tamén á zona marítimo-terrestre e ás augas interiores.

Así mesmo e atendendo ao carácter transversal da paisaxe, o documento tamén regula aspectos da paisaxe recollidos na Lei do solo de Galicia de 2016, que foi a primeira en introducir a consideración desta variable na actividade urbanística.

Neste sentido, un dos aspectos máis salientables que regula o novo documento é a integración das políticas da paisaxe nas políticas territoriais e sectoriais, para o que se prevé que todo plan, programa ou proxecto derivados de políticas públicas deberá ter en consideración na súa elaboración os valores paisaxísticos e diferenciais das áreas ás que afecten ou sobre as que poidan ter algún impacto.

Do mesmo xeito, concreta e define cales serán os instrumentos necesarios para garantir esta integración. Así, nos instrumentos de ordenación territorial e urbanística realizarase un estudo da paisaxe do ámbito territorial ao que se refiran, e cando se traten de instrumentos de planeamento urbanístico deberán incorporar, a maiores, un estudo da paisaxe urbana, todo isto co fin de que acaden a mellor integración posible e minimicen o seu impacto.

Por outra banda, no documento inicial que se elabore para comezar a avaliación ambiental estratéxica ordinaria de calquera instrumento de ordenación territorial e urbanística incluirase o estudo da paisaxe, que deberá cumprirse nos aspectos nos que o plan ou programa vulnere determinacións normativas de carácter vinculante establecidas pola lexislación ou os instrumentos reguladores en materia paisaxística.

Outra das novidades que incorpora o regulamento é a clarificación do carácter e do alcance dos informes que debe emitir o órgano competente na materia, neste caso, o Instituto de Estudos do Territorio. Co fin de outorgar maior seguridade xurídica a certos procedementos, establécese a necesidade de que o órgano substantivo realice unha consulta paisaxística ao IET nos procedementos de avaliación de impacto ambiental de proxectos.

Tamén se regulan os estudos de impacto e integración paisaxística, que deberán establecer medidas preventivas ou correctoras para garantir o seu obxectivo. Terán carácter obrigatorio no caso de proxectos suxeitos a avaliación ambiental ordinaria, mentres que nos de avaliación simplificada esixiranse se se dan estas dúas circunstancias: que estean situados ou afecten a áreas de especial interese paisaxístico ou a espazos de interese paisaxístico delimitados polo Plan de Ordenación do Litoral, e que poidan producir impactos paisaxísticos de especial intensidade. Destes estudos solicitarase un informe de impacto paisaxístico ao Instituto de Estudos do Territorio, que será vinculante en canto á vulneración da normativa.

En desenvolvemento da Lei do Solo, o IET tamén terá que emitir un informe preceptivo para usos e actividades no solo rústico de especial protección paisaxística -salvo no caso de obras menores- e para usos e actividades compatibles co Plan de Ordenación do Litoral (POL). Así mesmo, será preceptivo obter o informe favorable do IET con carácter previo á licenza urbanística ou á autorización autonómica.

Contido e regulación de instrumentos de protecciónCómpre lembrar que a Lei de protección da paisaxe de Galicia pretendeu servir de marco de referencia para outras lexislacións sectoriais e para aqueles plans e programas que poidan influír dalgún xeito na modificación, alteración ou transformación das paisaxes, en especial cando afecten a determinados espazos de alto valor natural e cultural. De feito, a paisaxe é unha variable extremadamente útil na ordenación do territorio.

En todo caso, con este novo regulamento a Xunta pretende garantir que o marco normativo aprobado en 2008 teña tamén unha tradución práctica e se actualicen algunhas das súas disposicións a consecuencia das novidades acontecidas desde entón, como poden ser a nova lexislación ambiental do Estado e a propia Lei do solo de Galicia. Ademais, preténdese aclarar determinadas disposicións da Lei, á luz da experiencia adquirida. Con este fin, regula distintos instrumentos para acadar a protección da Paisaxe de Galicia ou levar un control da súa evolución.

Entre os máis salientables cómpre mencionar a elaboración por parte do IET de Estudos para o Seguimento do Estado das Paisaxes así como dun Informe sobre o Estado da Paisaxe cada catro anos, que deberá presentar neste caso a Xunta ante o Parlamento; ou a regulación dos tres instrumentos esenciais para protexer e ordenar a paisaxe: Catálogos da paisaxe, Directrices de paisaxe e Plans de acción da paisaxe.

Por último, no desenvolvemento regulamentario da Lei 7/2008 tamén se recollen outros instrumentos e figuras complementarios como os Pactos pola Paisaxe entre administracións e axentes económicos e sociais dun mesmo territorio, a Estratexia Galega de Paisaxe como instrumento de planificación operativo que debe aprobar o Consello, ou os manuais e guías de boas prácticas que elaborará o IET para dar a coñecer os valores paisaxísticos de Galicia.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre