Inicio Galicia O DOG publica hoxe as axudas de apoio aos concellos e entidades...

O DOG publica hoxe as axudas de apoio aos concellos e entidades sen ánimo de lucro para a contratación de 256 axentes de emprego

0

O prazo de solicitude desta liña de financiamento, que conta con 3,3 millóns de euros, rematará o próximo 30 de novembro

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as axudas da Xunta destinadas a impulsar a actividade económica dirixidas a concellos e entidades sen ánimo de lucro para a contratación ou mantemento dos 256 axentes que conforman a Rede de técnicos de emprego de Galicia.

A Consellería de Emprego e Igualdade destina a esta actuación 3,3 millóns de euros para favorecer o emprego no ámbito local e rural. Do que se trata é de potenciar o papel desta Rede como motor do emprendemento e da creación de emprego, apoiando a constitución de pequenas e medianas empresas. Os concellos e entidades sen ánimo de lucro teñen de prazo ata o 30 de novembro para solicitar estes apoios, que se enmarcan na nova Axenda 20 de Emprego coa que o Goberno galego está impulsando o emprego de calidade.

Os axentes de emprego prestan asesoramento para axudar ás empresas a desenvolver os seus proxectos no rural, contribuíndo, deste xeito, a fixar poboación nestes concellos, un dos principais retos do Goberno galego.

A Consellería de Emprego e Igualdade, dunha banda, inviste 2,2 millóns de euros para a contratación ou o mantemento de 214 axentes de emprego de desenvolvemento local nos concellos galegos (AEDL), un persoal que ten como obxectivo principal colaborar na implantación das políticas activas de emprego relacionadas coa creación de actividade empresarial. Para a concesión destas axudas, a Administración autonómica ten en conta a media de paro rexistrado de cada concello no ano 2019.

O departamento autonómico, doutro lado, impulsa con 1,1 millóns de euros a contratación ou o mantemento de 42 axentes e unidades de apoio en entidades sen ánimo de lucro para prestar apoio na busca dun emprego ás persoas que máis o precisan, como son os colectivos con discapacidade ou en risco de exclusión social.

Entre as funcións dos axentes de emprego destacan a identificación de novas actividades económicas e posibles emprendedores; a difusión dos recursos e oportunidades laborais entre as persoas desempregadas con especiais dificultades de inserción laboral; o apoio aos promotores de empresas, unha vez constituídas, acompañándoos tecnicamente durante as primeiras etapas de funcionamento; e a implantación de políticas activas de emprego.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre