Inicio Galicia O DOG publica hoxe a resolución pola que dúas parroquias da Laracha...

O DOG publica hoxe a resolución pola que dúas parroquias da Laracha e unha de Carballo pasan a formar parte da zona demarcada pola couza da pataca

0

A Xunta reuniu hoxe mesmo os alcaldes da zona afectada e limítrofe para abordar a situación, coordinar actuacións e concretar as charlas cos veciños para explicarlles o que teñen que facer ao respecto, para conter e previr a couza


O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural pola que dúas parroquias dos concellos coruñeses da Laracha (Lendo e Caión) e unha de Carballo (Noicela) pasan a formar parte da zonas declaradas como infestadas pola couza da pataca. Esta decisión tomouse por parte da Xunta tras detectar casos de tubérculos afectados en almacéns de autoconsumo nestas tres parroquias, que xa foron destruídos. Así, as devanditas parroquias pasan a ter todas as medidas de control aplicadas no resto de municipios demarcados, como a prohibición de plantar patacas e o seu movemento.

Ademais, a Consellería do Medio Rural e estes dous concellos organizarán encontros para informar os veciños afectados das medidas a levar a cabo para combater este organismo de corentena. Precisamente hoxe o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, reuniuse cos alcaldes destes dous concellos afectados e cos rexedores dos municipios próximos. O obxectivo destes encontros foi o de abordar a situación, coordinar actuacións e concretar as charlas cos veciños para explicarlles o que teñen que facer ao respecto.

Así, o director xeral reuniuse, por un lado, cos rexedores da Laracha, José Manuel López, e de Carballo, Evencio Ferrero -como municipios directamente afectados- e por outro cos alcaldes dos concellos próximos á zona: Juan Carlos García (Coristanco), Walter Pardo (Malpica de Bergantiños), Xosé Lois García (Ponteceso) e Antonio Pereiro (Tordoia). Tamén asistiron representantes do concello de Cerceda.

Consonte á normativa vixente, nas tres parroquias afectadas da Laracha e Carballo só se poderá adquirir para consumo propio tubérculo de fóra desa zona embolsado e etiquetado preparado para o consumidor final, precisamente porque o movemento de pataca a granel estará prohibido, igual que no resto de concellos demarcados.

A maiores, para que o insecto non se estenda, establécense mediante esta resolución zonas tampón nas parroquias limítrofes ás afectadas. Nelas tomaranse medidas específicas, como que os agricultores deberán comunicar, inmediatamente despois da sementeira, todas as parcelas cultivadas con pataca, segundo o modelo establecido para ese fin.

Para a produción de pataca nestas zonas cualificadas como tampón, será preciso aplicar as medidas establecidas no Real decreto 197/2017 publicado polo Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, tales como un tratamento fitosanitario durante a fase de tuberculinización e antes da colleita. As patacas recollidas non se poderán dedicar a semente mentres a praga non se dea por erradicada. Así mesmo, o seu movemento realizarase sempre en vehículos pechados ou cubertos cunha malla. No caso dos comercializadores, para a súa produción aplicaranse outras medidas a maiores, recollidas tamén na mesma normativa, entre as que se atopan a instalación de mallas tupidas e de trampas de captura de tecia nos almacéns, así como a necesidade de mover as patacas co seu correspondente pasaporte sanitario.

Pola súa banda, a Consellería do Medio Rural establecerá as medidas necesarias para evitar a propagación deste organismo a outras zonas produtoras, reforzando a rede sistemática de puntos de trampeo existente para evitar a súa propagación ás parroquias lindeiras. Este plan de actuación terá en conta a bioloxía da couza guatemalteca, o nivel de infestación dos almacéns na zona, a distribución do cultivo de pataca, a capacidade do organismo para propagarse de forma natural, o número de capturas rexistrado e os ventos dominantes, entre outros factores.

Neste caso, a rede de trampeo con feromona específica disporase no interior dos concellos afectados co obxectivo da captura. Esta é a forma de actuar nas zonas demarcadas ata o de agora, nas que se está conseguindo limitar a súa expansión a tenor da gran diminución de capturas rexistradas.

Chamada á responsabilidadeDende a Xunta de Galicia apélase á compresión e á responsabilidade dos veciños e dos produtores para evitar que o insecto chegue a outras zonas e agradécese a súa colaboración á hora de desenvolver as medidas de control e erradicación da couza para procurar a súa contención. O Goberno galego sinala que a loita contra este organismo de corentena comprométenos a todos.

Cabe trasladar que esta nova situación non impide que se poidan levantar as prohibicións noutras áreas que estaban afectadas ata o momento. Isto é, a Xunta poderá realizar levantamentos da prohibición nas zonas nas que transcorran dous anos desde a última captura de couza.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre