Inicio Galicia O DOG publica hoxe a convocatoria de axudas para o fomento das...

O DOG publica hoxe a convocatoria de axudas para o fomento das razas gandeiras autóctonas dotada con 200.000 euros para 2020

0

José Balseiros indicou que o Goberno galego valora estas razas por representar unha riqueza xenética, un patrimonio inmaterial e unha oportunidade para as novas gandarías extensivas e de produción ecolóxica

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, explicou hoxe no Parlamento as diferentes medidas impulsadas pola Consellería do Medio Rural para apoiar e promocionar as razas autóctonas gandeiras de Galicia. En resposta a unha pregunta sobre esta cuestión, Balseiros indicou que a Xunta valora estas razas por representar unha riqueza xenética, un patrimonio inmaterial e unha oportunidade para as novas gandarías extensivas e de produción ecolóxica, ao seren razas cunha enorme adaptación ás condicións climáticas de Galicia.

Entre as medidas desenvolvidas por Medio Rural, o director xeral destacou as axudas para as razas autóctonas en perigo de extinción, que supoñen unha achega de arredor de 1,4 millóns de euros anuais. Benefician aos titulares de explotacións inscritas no rexistro correspondente, que cumpran unha serie de condicións. As razas que se apoian con esta medida son as bovinas limiá, cachena, vianesa, caldelá e frieiresa; a ovella e a cabra galegas; o porco celta; a galiña de Mos e o cabalo galego.

Outra actuación mencionada por José Balseiros é a referida ao apoio que se presta á conservación e uso dos recursos xenéticos destas razas. Isto -explicou- faise fundamentalmente a través de convenios de colaboración coas asociacións de criadores, cunha dotación orzamentaria que ata o de agora oscilaba entre os 60.000 e os 310.000 euros. O director xeral avanzou que a Consellería ten previsto manter estes acordos e que proximamente serán aprobados polo Goberno galego.

Fondos para o fomentoAdemais, José Balseiros salientou que por parte da Consellería achéganse anualmente fondos para o fomento das razas, máis especificamente para creación ou mantemento de libros xenealóxicos ou do programa de mellora oficialmente recoñecido de cada raza. Informou ademais de que hoxe precisamente o Diario Oficial de Galicia publica a convocatoria destas achegas para 2020, que están dotadas cun total de 200.000 euros, idéntica contía que no ano 2019.

Apoio ao sector lácteoPor outra banda, o director xeral respondeu tamén a unha pregunta sobre o respaldo da Xunta ao sector leiteiro. Neste sentido, lembrou que Medio Rural creou a comezos deste ano un grupo de traballo para deseñar o plan estratéxico para este eido produtivo, no que están representados todos os seus axentes. Balseiros indicou que este grupo traballa na definición dunha análise de situación do sector, debatindo propostas extraídas desta análise e preparando un borrador de estratexia.

Ademais destes labores, o director xeral afirmou que se veñen desenvolvendo outras tarefas técnicas en beneficio do lácteo, como son o sistema de cálculo de custos das explotacións baseado en datos reais do sector e o plan a xestión das dexeccións gandeiras (tanto deste eido como doutras gandarías). Así mesmo, José Balseiros trasladou que a Consellería continúa xestionando axudas para o sector, como son as da PAC, de transformación de produtos agroalimentarios, para plans de mellora e incorporación de mozos, sobre uso de maquinaria en común, para o fomento dos seguros agrarios ou o para desenvolver o programa de leite e froita escolar, entre outras.

Enlace á orde do DOG coa convocatoria de axudas para o fomento das razas autóctonas:https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2019/20191213/AnuncioG0426-201119-0001_gl.html

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre