Inicio Galicia O DOG publica as expropiacións para executar unha senda peonil e ciclista...

O DOG publica as expropiacións para executar unha senda peonil e ciclista na estrada AC-133, entre Franza e Rilo, no concello de Mugardos

0

Esta intervención conta cun investimento autonómico de preto de 500.000 euros, nos que se inclúen as expropiacións das 33 fincas necesarias

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia o decreto de utilidade pública e de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de execución dunha senda peonil e ciclista na estrada autonómica AC-133, entre Franza e Rilo, no concello de Mugardos.

O orzamento estimado desta esta intervención ascende a preto de 500.000 euros, nos que se inclúen os máis de 33.000 euros do pagamento das expropiacións dos 33 predios necesarios para esta actuación. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://xurl.es/y5uo5 Este proxecto ten por obxecto a creación dunha senda compartida, para uso de ciclistas non deportivos e peóns, paralela a esta estrada autonómica que comunica Fene e Mugardos.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ten previsto licitar as obras entre finais de 2020 ou principios de 2021 e executalas en 2021. O levantamento de actas previas será no primeiro trimestre do 2021.

O proxecto inclúe actuacións en dous treitos da vía autonómica: o primeiro executarase pola marxe dereita, comezando na glorieta de conexión entre a AC-113 e a vía de alta capacidade V.

G.-1.2, no entorno do núcleo de Franza, finalizando no núcleo de Rilo.

No segundo treito, actuarase na marxe esquerda da estrada, do punto quilométrico 9+820 ao 9+910, para executar un itinerario polo trazado da cuneta transitable existente na actualidade, que dispón dun ancho insuficiente para a circulación peonil.

No deseño do proxecto dos novos itinerarios, dun ancho mínimo de 2 metros, prevese a diferenciación de pavimento, en función de se a senda percorre terreo máis urbanizado ou rústico. Na súa execución teranse en conta, ademais, os elementos existentes na súa contorna, como peches de terreos edificados, poste de liñas eléctricas de media tensión e rede de drenaxe existente.

A obra compleméntase coa ampliación do paso peonil no entorno do punto quilométrico 9+900 para solucionar o estreitamento na actual beirarrúa existente.

Esta actuación incorpora ademais varias das alegacións e suxestións presentadas ao proxecto inicial, como a prolongación dos itinerarios peonís ata entroncar co seguinte itinerario de peóns actual, no entorno da glorieta situada no punto quilométrico 8+550 da estra AC-133, dispoñendo novos pasos de peóns coa correspondente sinalización.

Na intervención inclúese a reforma da pendente lonxitudinal da senda á altura do punto quilométrico 7+760, coa fin de que teña unha pendente máxima do 6%. Tamén se prevé a reposición dun treito de colector de saneamento na zona de execución dun novo muro, entre os puntos quilométricos 9+820 e 9+910.

Con esta actuación, a Xunta segue traballando no fomento da mobilidade sostible, contribuíndo a desenvolver na contorna unha rede de vías de mobilidade non motorizada e alternativa ao vehículo privado, coas importantes melloras ambientais que isto supón.

Plan de sendas de Galicia na comarca de FerrolEste novo itinerario completa o Plan de Sendas de Galicia na comarca de Ferrol, co que a Xunta promove a construción de itinerarios seguros, sustentables e integrados na paisaxe. A execución destas actuacións está cofinanciada con fondos FEDER 2014/2020.

Das 6 sendas programadas, 3 xa están rematadas, e correspóndense cos itinerarios na estrada AC-133, no Ramo, ao seu paso por Fene; na AC-130, entre Mugardos e Ares; e na AC-141 en Cabanas, entre a nacional N-651 e o Camiño Carballo de Arriba.

Con respecto ás 3 sendas restantes, na que se inclúe a intervención aprobada hoxe polo Goberno galego na AC-133 entre Franza e Rilo, neste intre estase a executar a senda na AC-116, ao seu paso polo municipio de Valdoviño. No caso da senda prevista na estrada AC-166, na parroquia do Val, en Narón, a Xunta licitou e executou as obras de forma dialogada co Concello, pero o contrato tivo que ser rescindido ante o rexeitamento de parte dos veciños ao proxecto. O Goberno galego está á espera de que o Concello de Narón presente un proxecto viable e de consenso para a execución desa senda.

En total, o Plan de Sendas na comarca de Ferrol permitirá habilitar 10,7 quilómetros de novos itinerarios seguros para peóns e ciclistas non deportivos en estradas de titularidade da Xunta de Galicia, cun investimento de case 3,5 M€.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre