Inicio Galicia O DOG publica as expropiacións para executar o acceso á autovía autonómica...

O DOG publica as expropiacións para executar o acceso á autovía autonómica AG-53 en sentido Ourense desde Dozón

0

A actuación conta cun investimento autonómico de máis de 845.000 euros, dos que preto de 7.000 euros se corresponden coas expropiacións das 10 fincas necesarias

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia o decreto de utilidade pública e de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de execución das obras da conexión entre a autovía autonómica AG-53 e a N-525, en Dozón.

O orzamento estimado desta intervención supera os 845.000 euros, nos que se inclúen os preto de 7.000 euros para o pagamento das expropiacións dos 10 predios necesarios para levar a cabo esta actuación. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://xurl.es/6uhck Este proxecto define a solución adoptada para a construción do ramal de ligazón entre a autovía autonómica e a de titularidade estatal N-525, en Dozón, e permitir así o movemento de incorporación en sentido Ourense.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade ten previsto o levantamento de actas previas para este outono e licitar as obras entre finais deste ano ou principios de 2021, para a súa execución no ano 2021.

O enlace comeza na contorna do punto quilométrico 275 da estrada nacional, onde se proxecta unha ampliación do carril de vehículos lentos existente e cruza a AG-53, a través do paso inferior do punto quilométrico 59+410 da autovía, para continuar ao longo duns 400 metros ata entroncar coa autovía autonómica pola súa marxe dereita en sentido Ourense.

O proxecto da intervención incorpora algunhas das achegas formuladas no período de exposición pública para facilitar a accesibilidade a unha granxa próxima.

Así, a nova vía entre a N-525 e a AG-53 terá dobre sentido de circulación entre a estrada nacional e o camiño de servizo que discorre paralelamente á autovía pola súa marxe dereita, manténdose a entrada na estrada nacional en dirección Ourense.

Ademais habilitarase unha intersección para que os vehículos poidan transitar entre a nova vía e o camiño de servizo, manténdose o acceso directo e apto para vehículos pesados entre o camiño que dá acceso á granxa próxima e á estrada nacional.

A construción dun acceso á autovía é unha vella demanda deste municipio pontevedrés, que na actualidade só conta cun semienlace para acceder a esta vía de alta capacidade en dirección a Santiago.

O novo enlace evitará que os veciños de Dozón e da súa contorna deban desprazarse ata Piñor para acceder á autovía con sentido a Ourense. Ademais, o departamento de Infraestruturas da Xunta está a redactar o proxecto que completa todos os movementos de entrada e saída desde Dozón á autovía AG-53. O novo ramal, que se situaría no punto no que está o actual semienlace, permitirá que os vehículos con orixe Ourense poidan saír cara a DozónAprobación anteproxecto área servizo AG-53Doutra banda, o Diario Oficial de Galicia publica hoxe a aprobación do expediente de información pública do anteproxecto de instalación dunha área de subministración e servizos na autovía AG-53, no tramo entre o Alto de Santo Domingo e a Autovía das Rías Baixas (A-52).

Segundo o anteproxecto, a zona destinada á área de servizo situarase na marxe esquerda da autovía Dozón-Ourense, entre os puntos quilométricos 80+250 e 80+750. No seu deseño como área de servizo prevé o acceso desde ambas as dúas marxes, polo que prestará servizo a ambos os dous sentidos de circulación.

No anteproxecto aprobado defínese unha edificación que contará no exterior con tres dispensadores de combustible, tres puntos de recarga de vehículos eléctricos de tipo carga rápida e un equipo de subministración de auga e aire para vehículos.

O edificio que se proxecta atenderá os servizos de abastecemento de combustible, restauración e tenda, incluíndo aseos, vestiarios para o persoal, almacén e oficina.

A área de servizo dotarase de 30 prazas de aparcadoiro para os distintos tipos de vehículos e anexa ao edificio disporase dunha zona de xogo e esparexemento, cun parque infantil.

O investimento previsto para esta actuación supera os 2,9 millóns de euros e o prazo de execución das obras é de 12 meses.

No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://xurl.es/f95zs

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre