Inicio Galicia O DOG publica a aprobación definitiva do proxecto de mellora da seguridade...

O DOG publica a aprobación definitiva do proxecto de mellora da seguridade viaria da estrada AC-934 ao seu paso polo concello de Sobrado

0

A Consellería de Infraestruturas presuposta esta primeira fase das obras de acondicionamento da estrada autonómica en preto de 1,7 millóns de euros

O Diario Oficial de Galicia fai pública hoxe a aprobación definitiva do proxecto de mellora da seguridade viaria da estrada AC-934, entre o punto quilométrico 12+900 e o 17+300, ao seu paso polo concello de Sobrado.

A Consellería de Infraestruturas estima un investimento necesario para esta actuación en case 1,7 millóns de euros, coa finalidade de reforzar a seguridade viaria de condutores e peregrinos no seu percorrido por este municipio coruñés.

Cómpre lembrar que o Consello da Xunta autorizou o 25 de abril as expropiacións necesarias para a reforma desta estrada autonómica.

Esta intervención é a primeira fase da actuación prevista nesta estrada, concretamente entre o límite coa provincia de Lugo ata ó núcleo das Abeleiras. Actuarase nun treito de 4,5 km, integramente no concello de Sobrado, para dar continuidade ás obras de mellora executadas nesta mesma vía entre o municipio lugués de Friol e o límite de provincia.

A actuación suporá unha importante mellora da seguridade viaria desta estrada, coa ampliación da calzada para acadar un largo de plataforma de 8 metros, con características xeométricas similares ás acadadas na vía no treito mellorado na provincia de Lugo. Ademais, realizarase unha rectificación das curvas de menor raio, garantindo en todo o treito un raio mínimo de 50 metros.

As obras suporán a rehabilitación estrutural de todo o firme e na travesía de Vilariño-O Mesón estenderase unha nova capa de rodada, ademais de ordenarse os aparcadoiros.

Xunto con isto melloraranse as principais interseccións coas vías locais, coa creación de cuñas de cambio de velocidade e semiglorietas para facilitar os cambios de sentido. Debido a que se trata dunha estrada que coincide co Camiño de Santiago do Norte, concretamente da Ruta da Costa, e polo tanto cunha alta presenza de peregrinos, o proxecto que se vai executar inclúe as medidas necesarias para garantir a súa seguridade.

Así, no treito en que a vía coincide coa Ruta Xacobea, construirase unha senda de aproximadamente 3 quilómetros de lonxitude, desde o límite coa provincia de Lugo ata a entrada na travesía de Vilariño-O Mesón, que xa conta con beirarrúas e onde o Camiño se afasta da estrada autonómica. Con esta actuación mellorarase a seguridade viaria e a comodidade na circulación dos usuarios, favorecendo ademais a preparación do Camiño de Santiago para a celebración do vindeiro Xacobeo 2021.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre