Inicio Galicia O DOG convoca as axudas para a execución de accións de mellora...

O DOG convoca as axudas para a execución de accións de mellora e conservación nos seis parques naturais de Galicia

0

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda publica hoxe a Orde que regula estas axudas que suman un importe de case 1,4 millóns de euros para as vindeiras dúas anualidades


O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a Orde pola que se convocan as axudas para a execución de actuacións de mellora e conservación no seis parques naturais de Galicia, por un importe de case 1,4 millóns de euros. A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda convoca estas subvencións para as que, tal e como recolle na orde, se establecen dúas anualidades para os anos 2020 e 2021.

O obxectivo desta liña de incentivos é dar unha resposta aos obxectivos de conservación dos parques naturais e mellorar o carácter de utilidade pública destes espazos, fomentando e aumentando o papel das persoas propietarias ou arrendatarias, de asociacións ambientalistas e de custodia, empresas e concellos que se sitúen dentro do ámbito do parque natural (beneficiarios desta liña de axudas). Só se admitirá unha solicitude por solicitante.

Así poderán ser obxecto destas subvencións, as actuacións dirixidas a mellorar a paisaxe agraria ou actuacións de desenvolvemento dos usos recreativos, como a creación ou mellora de cercas, sebes, vexetación de lindes, restauración de muros, mellora de carreiros rurais, sinalización de camiños e rutas, así como a creación de rutas e áreas recreativas.

Tamén se poderán beneficiar destes incentivos as actuacións dirixidas á recuperación de elementos históricos patrimoniais e culturais, como a rehabilitación de hórreos, miradoiros, cabanas ou fontes; así como as accións dirixidas á preservación dos hábitats ou ecosistemas, como a restauración de humidais, corrección de drenaxes ou a eliminación de especies exóticas invasoras.

As axudas –que se convocan en réxime de concorrencia competitiva- poderán concederse polo 100% do custo subvencionable, cun importe máximo de 40.000 nos caso da axuda concedida a unha administración local e ata 12.000 euros no casos dos restantes solicitantes. Tal e como establece a orde, os criterios de valoración que se terán en conta , entre outros, son o tipo de actuación, ou poboación do municipio.

Así, esta orde de axudas serve de instrumento útil para propiciar o desenvolvemento de actividades tradicionais e fomentar outras compatibles coa conservación do espazo.

Cómpre lembrar que estas subvencións son acordes ao contido do fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), que recolle entre as súas liñas básicas conservar e revalorizar o patrimonio natural de Galicia, promover a xestión sustentable dos recursos naturais e a loita contra o cambio climático e mellorar a calidade de vida da poboación rural fomentando a prestación de servizos básicos que axuden á fixación da poboación no medio rural, á creación de emprego e á redución do risco da pobreza.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre