Inicio Galicia O director da Agadic participa en Celanova no peche e entrega de...

O director da Agadic participa en Celanova no peche e entrega de diplomas aos 35 alumnos do curso de medios audiovisuais

0

Estudantes, profesorado e profesionais do sector afondaron durante catro días nas novas fronteiras do noso audiovisual e a proxección exterior

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, participou hoxe en Celanova na entrega de diplomas coa que se clausurou a décimo sexta edición do Curso de Medios Audiovisuais (CeMAC), unha actividade formativa promovida pola Fundación Carlos Casares que conta coa colaboración da Consellería de Cultura e Turismo e que este ano se desenvolveu baixo o título Novas fronteiras do audiovisual galego.

Talento, industria e internacionalización.

Configurado como un curso de verán de extensión universitaria e dirixido polo profesor Miguel Anxo Fernández, o CeMAC conta tamén co patrocinio da Deputación Provincial de Ourense, do Concello de Celanova e da Universidade de Vigo. No caso da Consellería de Cultura e Turismo, o apoio forma parte do seu programa de formación continua no eido audiovisual, xunto a outras iniciativas como AuGAL ou Galicia ProFilme.

Dende o martes e ata hoxe, o XVI CeMAC desenvolveu 30 horas lectivas nas que alumnado (procedente na súa meirande parte da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación do campus de Pontevedra), profesores e profesionais convidados afondaron en distintos aspectos do audiovisual galego en relación coas alianzas empresariais, a nova creatividade e diferentes xeitos de xestión requiridos para a proxección exterior da nosa produción. Proxectos internacionais de factoría galega ou participados por produtoras galegas, tales como Hierro, de Portocabo; Trote, de Frida Films, ou Feedback, de Vaca Films, foron algúns dos títulos que este ano se abordaron en Celanova da man dos seus protagonistas e creadores.

No marco do CeMAC e por décimo ano consecutivo, desenvolveuse así mesmo o taller Celanova, plató de ficción, conducido polo profesor Paulino Pérez. Esta actividade ten como obxectivo a produción dunha peza audiovisual nun tempo determinado e cun orzamento pechado. O resultado será a webserie titulada Destapando a Casares, coa que se contribuirá á difusión da figura do escritor. Nela participan máis de 20 estudantes, sete deles actores e actrices pertencentes á Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD).

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre