Inicio Galicia O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde de Medio Rural...

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a orde de Medio Rural que determina a época de alto risco de incendios forestais

0

A época comprende os meses de xullo, agosto e setembro, onde haberá un dispositivo despregado de máis de 7.000 efectivos

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se determina a época de perigo alto de incendios. Este período comezará o 1 de xullo e rematará o 30 de setembro.

Tal e como establece a Lei de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, a consellería con competencias en materia forestal definirá a época de perigo alto que condicionará a intensidade das medidas que se vaian adoptar para a defensa do territorio de Galicia. Así, determinouse ese período de alto risco tendo en conta os antecedentes e datos históricos sobre o risco de aparición de incendios e sobre a incidencia das variables meteorolóxicas no comportamento do lume.

Nese período, como é habitual, traballarán na protección dos nosos montes máis de 7.000 persoas que conforman o dispositivo de loita contra incendios forestais para a temporada de verán. Este servizo inclúe persoal da Xunta, dos concellos, do Ministerio, do exército e das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.

Ademais, como novidade, este ano a época variable de incendios comprende tamén os meses de xuño e outubro, ademais dos de febreiro, marzo e abril. De aí que se reforcen eses dous meses con persoal fixo-descontinuo, que o pasado ano traballaron 4 meses e este auméntase a 5 meses.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Tamén estará operativo a partir da época de alto risco o número de teléfono anónimo de denuncia dos incendiarios, o 900 815 085, onde os veciños poderán alertar sobre actividades sospeitosas subministrando calquera información que aporte valor nunha investigación policial presente e futura.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre