Inicio Galicia O Desafío Illas Cíes xuntará entre Coruxo, Vigo e Nigrán a 500...

O Desafío Illas Cíes xuntará entre Coruxo, Vigo e Nigrán a 500 triatletas na súa sétima edición que contará cunha achega da Xunta de 1.500 euros

0

Lete Lasa gaba unha das probas “máis carismáticas” de Galicia xa que xunta dúas iconas da cultura galega: “as míticas Illas Cíes que son testemuña das xestas dos participantes do Desafío” e o tríatlon, “un deporte de nós que tantos campións galegos e campioas galegas tennos dado ao longo da historia”


O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, asinou na mañá de hoxe co presidente da Asociación Augas Abertas de Galicia, Ricardo Martínez, o contrato de patrocinio para a celebración da proba do Campionato Galego de Tríatlon de Media Distancia, a VII Edición Desafío Illas Cíes que terá lugar o vindeiro domingo 22 de setembro e no que 500 triatletas cubrirán o percorrido de 1,9 quilómetros a nado nun circuíto de boias na praia do Vao en Coruxo (Vigo), 90 quilómetros en bicicleta desde a praia ata a localidade da Ramallosa (Nigrán) e 21,1 quilómetros de carreira nun circuíto que sairá da praia do Vao e conectará co paseo do muro da praia de Samil.

O secretario xeral gabou unha das probas “máis carismáticas” de Galicia xa que xunta dúas iconas da cultura galega. Por unha banda, dixo, é unha homenaxe a “un dos tesouros da nosa paisaxe, as míticas Illas Cíes que gobernan a visión dos vigueses e que ano a anos son testemuña das xestas que os participantes do Desafío realizan na auga, enriba da bicicleta e correndo”. Por outra banda, o tríatlon, “un deporte de nós que tantos campións galegos e campioas galegas tennos dado ao longo da historia, convértese no verdadeiro protagonista dunha xornada que, coma todos os anos, será inesquecible”.

O apoio da Secretaría Xeral para o Deporte ao tríatlon tradúcese este ano cun aumento de máis do 20% da contía do convenio de colaboración asinado coa federación galega ata chegar aos 167.605 euros grazas a achega da Secretaría Xeral da Igualdade de 4.000 euros. Esta aposta coincide cun aumento do 12% das licenzas federativas que xa se atopan preto das 2.300.

A saída pro masculina será ás 8,15 horas do domingo 22 de setembro, a saída pro e grupos de idade femininos ás 8,17 horas e as saídas dos grupos de idade masculinos terán lugar entre as 8,19 e as 8,25 horas. Todos os deportistas que sexan quen de rematar a proba recibirán un agasallo conmemorativo. Os premios económicos tanto para mulleres coma homes serán de 500 euros para os primeiros clasificados, 300 para os segundos e 150 para os terceiros.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre