Inicio Galicia O delegado da Xunta recibe aos representantes das agrupacións de voluntarios de...

O delegado da Xunta recibe aos representantes das agrupacións de voluntarios de Protección Civil para coñecer as súas necesidades de cara ao 2021

0
image_gallery.jpg

A Xunta de Galicia destinou nos últimos anos máis de 12 millóns de euros a reforzar o material de emerxencias dos 43 equipos activos que hai na provincia


O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias Fouz, mantivo esta mañá un encontro co presidente da Federación de Voluntarios de Protección Civil de Lugo, José Franco Criado, para coñecer de primeira man o traballo destes voluntarios e as súas principais necesidades; tamén participou de forma telemática o secretario da entidade, Manuel Expósito López. Nos últimos exercicios a Xunta adicou máis de 12 millóns de euros a dotar e reforzar o material de emerxencias das AVPC na provincia, facilitando equipamento como vehículos todo camiño e pick up, remolques de emerxencia, tendas de campaña, quads, embarcacións pneumáticas ou equipos de excarceración ou esparexadores de sal, entre outros. Tamén entregando achegas directas para contribuír cos gastos de funcionamento.

Neste apartado, a Xunta destinou o pasado ano máis de 58.000 euros ás 43 agrupacións que están operativas en toda a provincia de Lugo, e que neste período viron como as súas actuacións e intervencións cambiaron substancialmente. Así o comentou José Franco, quen explicou que “nestes últimos meses sobre todo colaboramos cos servizos sociais, levando alimentos, medicamentos, documentación e outras necesidades ás persoas confinadas. Neste tempo vimos que os poucos eventos que se organizaron precisaron dunha preparación dobre para cumprir cos protocolos e coas medidas de seguridade pola covid. O traballo multiplicouse”.

Para o vindeiro ano, o traballo desta agrupación, que conta cuns 800 voluntarios operativos, aínda que preto de 2.500 persoas teñen formación, centrarase en dous eidos: adquirir experiencia e formar aos voluntarios, unha actuación que tamén mudou, xa que esta formación pasou de ser presencial a facerse on line.

Outro dos aspectos sobre os que informaron ao delegado territorial da Xunta en Lugo foi a variación de actividades que xa eran habituais nestas agrupacións. Entre elas, os representantes das Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) chaman a atención sobre as xornadas lúdico-formativas, que este ano tiñan que terse celebrado en Vilalba. “Ante a imposibilidade de realizar este tipo de actos, a directiva decidiu adicar a partida orzamentaria á adquisición de material de seguridade fronte á covid para repartir entre as distintas agrupacións provinciais”.

As axudas que a Xunta de Galicia dedica a estas agrupacións van dirixidas á compra de uniformes, equipos de prevención e protección, custos de actuacións levadas a cabo pola agrupación, mantemento, transporte, ou conservación e alugamento da base; tamén ao pagamento de seguro de accidentes e responsabilidade civil do persoal voluntario, custos de formación dos seus membros, ou equipamento de material informático e de comunicacións.

De feito, nos últimos anos o Goberno galego mellorou os medios de emerxencia dos concellos de menos de 50.000 habitantes, cunhas axudas que complementaron outros programas de apoio para mellorar o equipamento, os vehículos ou a formación dos voluntarios. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre