Inicio Galicia O curso 2019/2020 do CGTD bota a andar poñendo o foco sobre...

O curso 2019/2020 do CGTD bota a andar poñendo o foco sobre a educación en igualdade e acadando por vez primeira a paridade dos 160 deportistas en tecnificación e rendemento

0

Lete Lasa informa que o centro volverá a contar con catorce especialidades deportivas de doce federacións e cun alto grao de satisfacción dos deportistas: renovan o 78% en tecnificación e o 94% en rendemento

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, deu o pistoletazo de saída este luns ao curso académico 2019/2020 do Centro Galego de Tecnificación Deportiva e fíxoo destacando o binomio formado por educación e deporte. Nas súas verbas destacou a importancia de educar aos 160 deportistas afiliados ao programa do CGTD en igualdade, polo que o mellor exemplo é que “nesta tempada e por vez primeira, o centro presenta paridade no número de prazas de tecnificación e rendemento (77 mulleres e 77 homes, quedando aínda seis prazas por adxudicar), o que destaca o incremento do nivel do deporte galego feminino que está de absoluta actualidade”.

Nesta tempada 2019/2020 o CGTD volverá a contar con 160 deportistas que saen da suma das 144 prazas publicadas o pasado venres no Diario Oficial de Galicia -95 prazas para deportistas de tecnificación (86 residentes e 9 externos) e 49 prazas para deportistas de rendemento (12 residentes, 21 externos e 16 de elite)- máis outras 16 que se reserva a Secretaría Xeral para o Deporte para a súa concesión. Do mesmo modo, o centro volverá a contar con catorce especialidades deportivas de doce federacións -atletismo (marcha e lanzamentos), bádminton, ximnasia acrobática (trampolín e artística), judo, karate, loita, natación, piragüismo (augas bravas – slálom e augas tranquilas), remo, taekwondo, tríatlon (péntatlon moderno) e vela-. De todos eles quixo destacar o alto grao de satisfacción dos bolseiros xa que en tecnificación renovan no centro un 78% e en rendemento o fai o 94%. A este respecto tamén salientou a ampliación de prazas na vela nun 33%, outorgándolle a importancia que merece a este deporte e ao seu núcleo na nosa xeografía: o Centro Galego de Vela de Vilagarcía.

O secretario xeral comparou o CGTD coa “palestra, ximnasio e academia” da Antiga Grecia onde “se lles ensinaba aos nenos a desenvolver os músculos e a disciplinar os nervios” co obxectivo de participar nos Xogos Olímpicos. Lete Lasa definiu ao centro galego como “o centro de referencia da nosa excelencia deportiva onde tamén adestramos aos nosos nenos e nenas para que estean capacitados para participar nos Xogos Olímpicos”. Deste xeito lembrou aos 20 deportistas olímpicos e 2 paralímpicos saídos do edificio da rúa Pai Fernando Olmedo que acadaron 11 medallas dende os Xogos de Sidney 2000. Entre eles destacou a Teresa Portela, “todo un exemplo do que a SXD quere para os nosos deportistas que vén de acadar o billete para os seus sextos Xogos Olímpicos, un rexistro nunca acadado por unha muller española”.

Obras por importe de 4 millóns de eurosDentro do seu relatorio, o mandatario galego fixo fincapé no coidado co que a Xunta de Galicia atende ao Centro Galego de Tecnificación cun investimento de 4 millóns de euros para o seu mantemento e mellora desde 2008. Dentro destas actuacións resalta a obra de accesibilidade que estará rematada nas vindeiras datas e que conta cun orzamento de 733.740 euros, “unha das máis importantes levada a cabo nos últimos 10 anos e que consta de melloras no pavillón, edificio de remo, residencia, instituto e cociña” porque “o Centro Galego de Tecnificación Deportiva, como o deporte, é para todos e para todas”.

Tamén fixo referencia á importancia da formación académica dos rapaces e rapazas que “é inescusable para acadar a súa formación integral” e neste sentido gabou “o traballo dos profesionais do IES Sánchez Cantón de Pontevedra e a disciplina dos alumnos do centro que a pasada tempada destacaron polo seu excelente comportamento sen incidencias destacables”.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre