Inicio Galicia O CPR Plurilingüe Sagrada Familia, o IES Lucus Augusti e a Universidade...

O CPR Plurilingüe Sagrada Familia, o IES Lucus Augusti e a Universidade de Santiago, gañadores da décima edición de Parlamento Xove

0

O tema de debate desta fase final para as dúas categorías foi: Sería a democracia directa un mellor sistema que a democracia representativa?

O equipo do CPR Plurilingüe Sagrada Familia de Vilagarcía de Arousa na categoría de Educación Secundaria Obrigatoria, o de IES Lucus Augusti de Lugo, na modalidade de Bacharelato, e un dos equipos da Universidade de Santiago de Compostela (USC) da categoría de Universidade resultaron hoxe os gañadores da décima edición de Parlamento Xove, competición de debate que organiza a Consellería de Política Social e cuxa fase final tivo lugar hoxe no Parlamento de Galicia.

A conselleira de Política Social, Fabiola García, acompañada polo presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, e pola directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu á final desta competición de debate na que participaron 242 estudantes distribuídos en 52 equipos. Así mesmo, cómpre recordar que, como novidade, nesta edición abriuse o torneo ao alumnado universitario. Desta maneira, á fase final que hoxe se resolveu chegaron 23 equipos de 12 centros educativos diferentes e das 3 universidades galegas. Dos participantes iniciais, nesta fase final debateron 81 alumnos e tamén participaron 16 profesores.

O tema dos encontros dialécticos que se disputaron para as tres categorías foi: Sería a democracia directa un mellor sistema que a democracia representativa?Fabiola García, que entregou os premios na categoría de Bacharelato, felicitou aos gañadores e gañadoras, así como a todos os participantes de Parlamento Xove polos seus debates. Nesta liña, recordou que a Xunta de Galicia continuará a apostar por esta iniciativa que tanto éxito está a recoller, posto que desde a súa primeira edición xa participaron 1.789 estudantes e 348 equipos de toda a comunidade.

Ademais diso, a conselleira salientou o importante papel desta competición non só como ferramenta para incentivar o diálogo, senón tamén para dar a coñecer todo o potencial que atesoura a xuventude galega. Tamén subliñou a implicación de todo o profesorado que é o encargado de fomentar no alumnado participante a capacidade crítica, a argumentación e o respecto.

Gañadores e premiosOs equipos gañadores nas tres modalidades recibiron como premio unha viaxe. Cada un dos compoñentes dos equipos que quedaron en segunda posición (o equipo do Campus de Lugo da USC en Universidade, o do Colexio La Salle de Santiago, en Bacharelato e o do CPR Maristas Inmaculada en ESO) recibiron un paquete de actividades de multiaventura.

Na categoría de ESO os oito equipos que pasaron á fase final pertencen ao IES de Becerreá; Colexio Internacional Sek Atlántico (Poio); Colexio La Salle (Santiago de Compostela); dous equipos do CPR Maristas Inmaculada (Lugo); CPR Plurilingüe Sagrada Familia (Vilagarcía de Arousa), IES Muralla Romana (Lugo) e o IES Eduardo Pondal (Cangas).

Na categoría de Bachalerato pasaron á fase final oito equipos, dous pertencentes ao IES de Becerreá; IES Lucus Augusti (Lugo); IES Río Cabe (Monforte de Lemos); dous equipos do Colexio La Sale (Santiago de Compostela); IES Castro Alobre (Vilagarcía de Arousa), Colexio Plurilingüe San José Fec (Lugo) e o Colexio María Inmaculada HH Carmelitas (Vigo).

Nesta primeira edición da categoría de Universidade disputaron a fase final todos equipos participantes. En concreto, cinco da Universidade de Santiago de Compostela chegaron á final (catro do campus de Santiago e un do de Lugo); da Universidade de Vigo participou un equipo da cidade olívica; e da Universidade de A Coruña, un equipo do campus de Ferrol.

Tamén se deron os diplomas e agasallos aos mellores oradores e oradoras da competición. Na categoría de ESO estes foron os seguintes: Guillermo Martínez e Uxía Durán, do CPR Plurilingüe Sagrada Familia de Vilagarcía de Arousa; Carlos Lorenzo do Colexio Internacional Sek Atlántico de Poio e Sofía Buitrón do Colexio Padres Escolapios de Monforte de Lemos. Na categoría de Bacharelato recibiron cadanseu recoñecemento os estudantes Miguel Silva do Colexio Plurilingüe San José Fec de Lugo; Alejandro Alvarellos do Colexio La Salle de Santiago de Compostela; e Ana Lucía Pampín Torres do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces. Parlamento Xove é unha competición de debate na que os equipos representantes de centros educativos de toda Galicia empregan a oratoria para defender un determinado punto de vista acerca dun tema proposto pola organización. Os participantes de cada equipo –formado por catro alumnos/as e un profesor/a- analizan, escriben e debaten sobre o tema proposto, incluíndose tamén a realización dun dossier de investigación.

A dificultade da actividade está en que só cinco minutos antes de cada encontro dialéctico se procede ao sorteo da postura a adoptar por cada equipo, a favor ou en contra, en relación á cuestión formulada. Ten por obxectivo fomentar entre a mocidade o diálogo como ferramenta para argumentar razoadamente as ideas propias, a tolerancia e o respecto polas ideas dos demais, así como potenciar as habilidades lingüísticas dos participantes. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre