Inicio Galicia O control de pragas e enfermidades na horticultura centrará dous cursos organizados...

O control de pragas e enfermidades na horticultura centrará dous cursos organizados pola Xunta en Oza-Cesuras e Guísamo nos próximos días

0

O primeiro será en Oza-Cesuras entre mañá e o vindeiro luns 28, data na que comezará o segundo, que se prolongará ata o dous de outubro e que terá lugar no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Guísamo

A Xunta programou para os vindeiros días dous cursos sobre o control de pragas e enfermidades na horticultura, que terán lugar nos concellos coruñeses de Oza-Cesuras e Guísamo e que están organizados pola Consellería do Medio Rural -a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal)-. Van dirixidos tanto a agricultores en activo como a persoas interesadas en incorporarse á activade agraria.

A primeira destas accións formativas comezará mañá e estará centrada na loita e o control de pragas e enfermidades na horticultura ecolóxica. Terá lugar ata o vindeiro luns 28 de setembro e está promovida pola Oficina Agraria Comarcal (OAC) de Betanzos. De acordo co programa previsto, a xornada de mañá será unha sesión teórica que acollerá o centro social de Piñoi, na parroquia de Borrifáns. Haberá dous días máis de formación -o 24 e o 28 de setembro, respectivamente- que suporán o desprazamento dos asistentes a dúas explotacións hortícolas de Oza-Cesuras.

Canto aos contidos, os participantes no curso coñecerán as bases agroecolóxicas para o control de pragas e enfermidades nas hortas, o papel que exerce o solo como filtro biolóxico, os beneficios que poden supor distintos microorganismos para os cultivos, así como a importancia da biodiversidade para o equilibrio dos agrosistemas. Así mesmo, daráselles acceso a distintas estratexias de control biolóxico, descubríndolles as posibilidades que ofrecen os produtos minerais ou distintas preparacións de caldos vexetais, ao tempo que poderán identificar os insectos útiles para a horta e coñecerán como crialos eles mesmos.

Curso de GuísamoPor outra banda, na mesma data na que rematará este curso de Oza-Cesuras -o vindeiro luns-, comezará tamén outra actividade formativa semellante no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Guísamo, neste caso centrada no control biolóxico en cultivos hortícolas e na identificación e protección da fauna.

Este curso terá unha duración de 20 horas, en horario de mañá (de 09:30 a 13:30 horas). O seu programa versará arredor de cuestións como o concepto de praga, o seu control biolóxico e métodos, os axentes biolóxicos de control de pragas agrícolas, os produtos fitosanitarios, os principais inimigos naturais das pragas dos cultivos e o protocolo de control integrado de pragas.

Ambas accións desenvolveranse ao abeiro do Plan de formación ao agro galego 2020, que ten como principal obxectivo o de impulsar actividades formativas, de demostración e información que leva a cabo a Consellería do Medio Rural. Con estas accións preténdese contribuír a que os coñecementos cheguen aos seus últimos destinatarios: agricultores, gandeiros, silvicultores ou representantes da industria agroalimentaria.

Polo tanto, trátase de mellorar a capacitación dos traballadores dos sectores agrario, agroalimentario e forestal en todo o relacionado cos aspectos técnicos e económicos das súas actividades incidindo, cando sexa preciso, na reordenación das producións e no emprego dos métodos produtivos respectuosos coa conservación e na protección do medio.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre