Inicio Galicia O Consello Técnico de Atención Primaria avanza na reforma do primeiro nivel...

O Consello Técnico de Atención Primaria avanza na reforma do primeiro nivel asistencial coa concreción da carteira de servizos de odontólogos, traballadores sociais e persoal administrativo

0

Esta semana quedaron aprobadas as primeiras conclusións das comisións sectoriais encargadas da definición dos cometidos de tres categorías profesionais

Os traballos emprendidos polo Servizo Galego de Saúde para a reforma da Atención Primaria en colaboración cos colectivos profesionais seguen o seu curso no seo do Consello Técnico de Atención Primaria. Os membros do Consello aprobaron esta semana as carteiras de servizos elaboradas polas respectivas comisións sectoriais para as categorías de odontoloxía, persoal administrativo e traballadores sociais, avanzando no cumprimento dunha das accións programadas no Plan Galego de Atención Primaria como obxectivo a medio prazo (dentro do primeiro ano de desenvolvemento do plan). Ao tempo, seguen a traballar as comisións encargadas da definición das carteiras de medicina familiar, enfermería, fisioterapia, farmacia e matronas, coa fin de delimitar e homoxeneizar na sanidade pública galega os servizos prestados por cada categoría.

Na reunión celebrada esta semana, presidida polo xerente do Sergas, Antonio Fernández-Campa, quedaron aprobadas tamén as conclusións da comisión encargada da definición das necesidades de formación dos profesionais que prestan servizo no primeiro nivel asistencial, en resposta a unha das sete liñas estratéxicas definidas no Plan Galego de Atención Primaria. Do mesmo xeito, o Consello Técnico deu o visto bo ás recomendacións presentadas pola comisión para a mellora da xestión das incapacidades temporais, entre as que figuran accións para perfeccionar, por exemplo, o programa informático utilizado e facilitar deste xeito a actividade dos profesionais dos centros e a xestión desta prestación.

O Consello Técnico foi creado o pasado xullo en resposta a un dos acordos acadados entre Sanidade, sindicatos e organizacións profesionais. O órgano, previsto no Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021, ten como función a avaliación das necesidades de recursos humanos no primeiro nivel asistencial e a análise da súa capacidade resolutiva, das carteiras de servizos e das oportunidades de mellora na xestión de procesos asistenciais e nas relacións entre a Atención Primaria e Hospitalaria. Corresponde tamén ao Consello o estudo e achega de propostas de reorganización da xestión dos centros, a elaboración de programas de intervención comunitaria para a mellora da saúde da poboación ou o asesoramento ao Sergas nos asuntos do seu ámbito de competencias, especialmente no que se refire á prevención, diagnóstico precoz e mellora da accesibilidade da atención sanitaria.

As 15 comisións sectoriais constituídas no seo do Consello están formadas por un total de 204 profesionais de recoñecido prestixio, dos que 52, un 25,5%, son a proposta das organizacións sindicais, distribuídos en todas as comisións. Tamén hai 72 representantes, un 35%, a proposta das asociacións profesionais e sociedades científicas. Igualmente, forman parte das comisións, un total de 23 persoas, un 11,3%, a proposta dos colexios profesionais. Sinalar, ademais, que tamén hai representación doutras institucións como é o caso da Federación Galega de Municipios e Provincias.

Máis dun 98% de accións finalizadas ou en marchaO Plan Galego de Atención Primaria, aprobado en maio logo de meses de traballo colaborativo cos colectivos profesionais e de pacientes e dotado con 102 millóns de euros para as anualidades 2019-2021, contén 200 medidas de mellora distribuídas en sete liñas estratéxicas e vencelladas a compromisos temporais concretos. A maior parte desas actuacións (40%) foron comprometidas para os primeiros seis meses de aplicación do plan e o 98,8% xa están finalizadas ou en marcha. Singularmente, a porcentaxe de execución chega ao 100% no caso concreto da liña estratéxica referida á dotación de persoal no primeiro nivel asistencial. Así, o Sergas ten completado xa a dotación das 45 prazas adicionais en centros de saúde pactadas para 2019 coas organizacións sindicais e, tamén, a inclusión nos orzamentos de 2020 das 102 prazas programadas para o próximo exercicio. Das 45 prazas incrementadas este ano, doce corresponden a médicos de familia e 25 a profesionais de enfermería.

Tamén en materia de recursos humanos, estase a cumprir a aposta pola estabilidade do persoal, coa incorporación na oferta de emprego deste ano de 537 prazas do ámbito específico da Atención Primaria, entre as que se atopan 254 de médicos de familia, 93 de pediatras e 48 de enfermeiras especializadas. En paralelo, e no tocante ao persoal substituto, tense incorporado o novo nomeamento eventual de continuidade acordado polo Sergas con diversas organizacións sindicais para mellorar as condicións dos profesionais substitutos. O contrato garante un mínimo dun ano de vinculación estable (prorrogable ata tres anos) e equipara os dereitos deste persoal a nivel de descansos, permisos e complementos co persoal propietario ao que substitúen. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre