Inicio Galicia O Consello Galego de Universidades dálle o visto e prace ao decreto...

O Consello Galego de Universidades dálle o visto e prace ao decreto de prezos públicos para o curso 20-21

0

En canto á oferta académica, informouse da entrada en funcionamento de 3 novos graos e 7 máster (dous deles conxuntos entre universidades)


A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, presidiu hoxe o pleno do Consello Galego de Universidades (CGU) no cal se informou favorablemente sobre o decreto polo que se fixan os prezos públicos universitarios para o próximo curso; se deu conta da oferta académica para o vindeiro curso 2020-21; e se aprobou o cambio de denominación da Facultade de Ciencias da Educación do Campus de Ourense (UVigo), entre outros asuntos de trámite.

O CGU deulle o visto e prace ao decreto polo que se fixan os prezos públicos pola prestación de servizos académicos e administrativos no Sistema Universitario de Galicia para o curso académico 2020/21, que deberá ser aprobado polo Consello da Xunta.

O documento recolle a baixada dos prezos públicos das primeiras matrículas de Máster non habilitante (enfocados a unha especialización de coñecementos ou á investigación científica), ata equiparalos aos prezos de grao universitario; así como a conxelación, por décimo ano consecutivo, das taxas de grao e de master habilitante (necesarios para exercer unha profesión).

Con esta decisión, o prezo medio de matrícula destes Máster non habilitantes pasará dos 26,49 €/crédito actuais (por debaixo dos 31,06 €/c de media do conxunto do Estado) aos 11,89 €/c de media establecidos xa para os graos universitarios e os Máster habilitante (necesarios para exercer unha profesión). Polo tanto, Galicia é a comunidade coas taxas de matrícula universitaria máis baixas do Estado, incluso moi por debaixo da media do conxunto de España, e así seguirá sendo o vindeiro curso, tal e como ratifica o último informe do Ministerio de Universidades presentado a finais de maio ante a Conferencia General de Política Universitaria.

Novos graos e máster para o vindeiro cursoAsí mesmo, no Pleno do CGU informou favorablemente da implantación de de 3 novos graos, 7 máster e 1 programa de doutoramento entre a USC e a UVigo para o vindeiro curso 2020-21.

Na Universidade da Coruña (UDC) entran en funcionamento o Grao en Nanociencia e Nanotecnoloxía; o Máster en Dereito Dixital e da Intelixencia Artificial; e o Máster en Dirección, Xestión e Innovación de Institucións Escolares, todos eles no campus da Coruña.

Na Universidade de Santiago de Compostela (USC) comezarán a impartirse o Grao en Empresa e Tecnoloxía; o Grao en Bioquímica (ambos no campus de Lugo); e o Máster Universitario en Planificación e Xestión Territorial (nos campus de Santiago e de Lugo).

Na Universidade de Vigo (UVigo) ofertaranse os Máster en Dirección e Innovación da Cadea de Subministración (campus de Vigo); e o Máster en Industria 4.0, tamén no campus de Vigo, pero con carácter interuniversitario coa Universidade de León.

Así mesmo, con carácter interuniversitario, o curso próximo implantarase o Máster en Nanociencia e Nanotecnoloxía, conxunto entre a USC e a UVigo, nos campus de Santiago e Vigo respectivamente); e o Máster en Visión por Computador, tamén conxunto entre UDC (campus da Coruña), USC (campus de Lugo), UVIGO (campus de Vigo) e a Universidade de Porto).

E finalmente as universidades de Santiago de Compostela e de Vigo compartirán un novo Programa de Doutoramento en Turismo (nos seus campus de Santiago e de Ourense respectivamente).

Outros asuntosOutro dos puntos foi a aprobación do cambio de denominación da Facultade de Ciencias da Educación do Campus de Ourense que, á proposta da Universidade de Vigo, pasará a denominarse Facultade de Ciencias da Educación e Traballo Social. Neste caso analizouse o expediente de cambio de nome, que vén argumentado pola necesidade dunha denominación que poña en valor a multidisciplinariedade e interdisciplinariedade do centro, dando visibilidade ao título de grao en Traballo Social que actualmente se imparte na Facultade de Ciencias da Educación.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre