Inicio Galicia O Consello de Contas ratifica nos seus informes que a Xunta seguiu...

O Consello de Contas ratifica nos seus informes que a Xunta seguiu mellorando en 2016 a xestión orzamentaria e financeira

0

Destaca que Galicia volveu cumprir ese ano os obxectivos de déficit e débeda, o que lle permitiu manterse no Fondo de Facilidade Financeira

O informe do Consello de Contas sobre a Conta xeral da Comunidade Autónoma do ano 2016 e o resto de informes de fiscalización publicados hoxe indican que a Xunta de Galicia segue introducindo melloras na súa xestión orzamentaria e financeira, cumprindo ao mesmo tempo os obxectivos de estabilidade orzamentaria, as previsións macroeconómicas e cunha evolución positiva de indicadores coma o aforro bruto ou o gasto en xuros da débeda.

O organismo fiscalizador destaca que no exercicio 2016 Galicia cumpriu un ano máis o obxectivo de déficit fixado polo Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) e pola Lei de Orzamentos, aprobada na Cámara galega. Galicia pechou o ano cumprindo o obxectivo de déficit previsto do 0,7%, sinala o informe sobre a Conta Xeral, no que se resalta que se cumpriron as previsións macroeconómicas de evolución do PIB e de taxa de paro.

Respecto á xestión do endebedamento, o Consello de Contas salienta que a Xunta cumpriu os límites cuantitativos establecidos na Lei de Orzamentos e tamén o obxectivo de débeda do 19,0% autorizado polo Consello de Política Fiscal e Financeira. Ademais, a Administración galega cumpriu un ano máis o límite de carga financeira que establece a lexislación estatal para as autonomía, e Contas resalta que Galicia pasou de estar entre as comunidades con máis débeda a ser a quinta autonomía con menor endebedamento.

De feito, o informe da Conta Xeral lembra que o cumprimento dos obxectivos de estabilidade permitiu a Galicia acceder un ano máis ao Fondo de Facilidade Financeira, o que permitiu un aforro do 12,4% nos gastos en xuros da débeda. Ao mesmo tempo, o organismo fiscalizador confirma que a Xunta de Galicia rendeu as súas contas en prazo e que acadou unha alta execución orzamentaria, xa que “no ámbito da xestión mellora respecto do exercicio anterior o índice de execución”, ata situarse no 96% no capítulo de gasto non financeiro.

Ademais, os informes de fiscalización ratifican que o gasto de altos cargos e persoal eventual da Xunta tense reducido de xeito notable nos últimos anos. O Goberno galego está a aforrar 6,3 millóns de euros ao ano porque gasta en altos cargos e persoal eventual de gabinete un 33,4% menos que en 2008, pese a que os informes publicados hoxe xa recollen o primeiro ano completo logo da ampliación do número de consellerías de oito a dez.

Menos modificacións orzamentarias e menos risco nos avaisO Consello de Contas pon de manifesto no seu informe a “notable” redución do uso das modificacións orzamentarias no exercicio 2016, cun importe neto un 56% inferior ao do exercicio anterior. Ademais, resalta a evolución positiva de indicadores coma o aforro bruto, que mide a diferencia entre ingresos e gastos correntes. O aforro bruto duplicouse en 2016 ata chegar aos 450 millóns de euros.

Entre outros aspectos, no informe sobre a Conta Xeral sinaláse tamén que o risco vivo nos avais do IGAPE rexistrou de novo unha importante redución respecto ao ano anterior. En concreto, o Consello de Contas resalta que o risco vivo a 31 de decembro de 2016 é de 103,8 millóns de euros, o que supón unha baixada de case o 10% sobre o peche de 2015.

Melloras na tesoureríaRespecto da situación da tesourería da Comunidade Autónoma, o organismo fiscalizador indica que a Xunta acadou un remanente de tesourería de 432 millóns de euros, o que “informa sobre a suficiencia dos fondos líquidos e os dereito de cobro para facer fronte ás débedas a curto prazo”. Contas lembra tamén que a Administración galega xa incluíu o sector instrumental na tesourería da Comunidade Autónoma, co obxectivo de “acadar un maior control e unha mellor xestión de todos os recursos”.

Ademais, o Consello de Contas destaca positivamente que Galicia está a acadar un período medio de pago aos provedores mellor que a media autonómica, mantendo este indicador sempre por debaixo do límite establecido pola lexislación do Estado.

RecomendaciónsUnha vez coñecidos estes informes, a Xunta terá en conta as recomendacións do Consello de Contas para mellorar a xestión en todos os eidos, como vén facendo dende 2009. Nos últimos anos a Xunta xa introduciu cambios atendendo ás recomendacións do organismo fiscalizador, como por exemplo a consideración como gasto extraorzamentario das entregas do Fondo de Garantía Agraria, novidade introducida neste ano 2018.

De feito, a Xunta de Galicia xa está a aplicar total ou parcialmente case o 60% das recomendacións efectuadas entre 2012 e 2015 polo organismo fiscalizador e que foron aceptadas pola Administración autonómica, mentres que o resto atópase en fase de implantación, tal como consta no propio informe. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre