Inicio Galicia O conselleiro do Medio Rural anima aos veciños de Boborás a implicarse...

O conselleiro do Medio Rural anima aos veciños de Boborás a implicarse na defensa das súas aldeas fronte o lume coa limpeza das parcelas próximas aos núcleos de poboación

0

Reuniuse con residentes das parroquias de Albarellos e Xurenzás, priorizadas para a xestión da biomasa pola actividade incendiaria que veñen rexistrando

O conselleiro do Medio Rural, José González, mantivo hoxe un encontro con veciños da localidade ourensá de Boborás para explicarlles o convenio de protección das aldeas fronte os incendios forestais que a Xunta ten subscrito coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e coa empresa pública Seaga. Esta é a primeira das xuntanzas que se realizarán nos 34 concellos galegos con parroquias priorizadas. Un deles é o de Boborás, que ten dúas parroquias así catalogadas, a de Albarellos e Xurenzás. Precisamente cos residentes de ambas parroquias foi cos que se reuniu hoxe o conselleiro.

Tal como indicou José González, este acordo puxo as bases para a creación dun sistema público de xestión da biomasa nas proximidades dos núcleos de poboación, co fin de incrementar a defensa e protección das aldeas fronte ao lume. Advertiu que se trata, polo tanto, de defender as vidas e os bens das persoas fronte esta lacra. Así, o conselleiro lembrou que o adecuado mantemento das parcelas situadas nas faixas secundarias, é dicir, aquelas próximas aos núcleos de poboación, é en primeiro lugar unha responsabilidade dos titulares dos terreos. Nesta liña explicou que corresponde aos concellos a vixilancia desta obriga e, no seu caso, proceder ao seu cumprimento pola vía da execución subsidiaria.

Non obstante, engadiu que, sendo esta unha competencia municipal, a Xunta entende que debe colaborar, polo ben común, dada a importancia deste asunto. Por iso –dixo o conselleiro– o Goberno galego vai achegar un total de 28,7 millóns de euros en catro anos (máis do 78% do orzamento total, que supera os 36 millóns) para desenvolver este convenio. En todo caso, insistiu en que a consellería actuará unicamente nas parroquias priorizadas, xa que no resto do territorio os propietarios teñen que cumprir coas súas obrigas de xestionar adecuadamente a biomasa. O titular de Medio Rural agradeceu aos concellos a súa implicación nestas tarefas e destacou que neste intre son case 200 os municipios que solicitaron adherirse a este acordo. Amosou, ademais, a súa confianza en que pronto sexan moitos máis.

Aldeas priorizadasNesta xuntanza de traballo, José González salientou que xa neste ano se vai actuar en 34 concellos, 68 parroquias e un total de preto de 700 aldeas. Explicou que estes núcleos priorizáronse en función da actividade incendiaria e consonte a uns criterios obxectivos, relacionados coa virulencia dos lumes, coa superficie afectada, co risco de ocorrencia de incendios e cos medios e a planificación adoptada para facerlles fronte.

Ao fío disto, o titular de Medio Rural sinalou que desde a Xunta xa se lle remitiu a estes 34 municipios os plans municipais de incendios en papel e en dixital e tamén o acceso ao visor. Ademais, José González adiantou que tamén se lle enviou o plan en formato dixital e o acceso ao visor a outros 29 municipios, co obxectivo de chegar aos 92 antes do verán.

Nesta liña, informou de que o concello de Boborás ten dúas parroquias nesta situación, a de Albarellos e a de Xurenzás. Nelas, sinalou, a cambio dun prezo fixo de 350 euros por hectárea, é dicir, 35 euros por cada mil metros cadrados, a Xunta procederá á súa limpeza, sen ningún tipo de pago adicional por parte dos propietarios.

Por iso, o conselleiro animou aos veciños a implicarse e a estar atentos ao aviso do Concello para incorporarse ao convenio e asinar o correspondente contrato de xestión da biomasa. José González trasladou que con eses contratos asinados, Medio Rural fará a limpeza e os titulares dos terreos só terán que pagar eses 350 euros por hectárea, un prezo fixo axustado e vantaxoso con respecto ao prezos de mercado pola execución destes traballos, recalcou.

Actividade agrogandeiraA maiores, José González avanzou que, de cara ao futuro, o que se pretende é que non sexa preciso rozar todos os anos e por iso se fomentará a implantación de actividade agrogandeira que asegure a limpeza de xeito permanente nas franxas.

Por outra banda, indicou que se actuará en 40 “aldeas modelo” que poden estar en calquera dos concellos adheridos. Nelas farase a limpeza se hai acordo entre os propietarios das parcelas e agricultores e gandeiros para a posta en produción das terras, mediante cultivos de horta, cereal, pastos, froiteiras, castiñeiros, oliveiras, etc.

Por último, José González aproveitou tamén este encontro para trasladar aos veciños que no verán estará operativo un teléfono para denunciar, de forma anónima e confidencial, calquera actividade incendiaria. O conselleiro lembrou que o número é o 900 815 085. Finalmente o titular de Medio Rural recordou tamén a oferta a todos os grupos políticos, aos expertos e aos profesionais que loitan contra o lume para acadar un gran pacto autonómico fronte os incendios forestais para que non se empregue o lume como ferramenta partidista.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre