Inicio Galicia O conselleiro de Sanidade doa sangue e anima á cidadanía a participar...

O conselleiro de Sanidade doa sangue e anima á cidadanía a participar pola reactivación da actividade asistencial dos hospitais galegos e o incremento da necesidade de compoñentes sanguíneos

0


O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, acudiu esta mañá a doar sangue ata a unidade móbil da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) que emprazouse diante do edificio administrativo da Consellería de Sanidade en San Lázaro. Deste xeito, o conselleiro quixo animar a toda a cidadanía a participar activamente nas campañas de doazón de sangue, xa que, a reactivación da actividade asistencial sanitaria, fai previsible un incremento na demanda de compoñentes sanguíneos por parte dos hospitais galegos.

Sanidade lembra que Galicia precisa ao redor de 400 a 500 doazóns de sangue diarias para garantir o axeitado desenvolvemento da actividade asistencial hospitalaria e que, nestas semanas, faise precisa a colaboración de todas e todos os doantes de sangue, especialmente dos grupos A Positivo e Cero Positivo, os grupos con maior prevalencia na poboación galega, xa que tres de cada catro galegos e galegas correspóndense cun destes dous tipos sanguíneos.

Sinalar, que, desde o pasado 13 de marzo, estableceuse en ADOS un sistema de cita previa, mediante o teléfono gratuíto 900 100 8128, para facilitar a participación dos doantes de sangue e garantir, deste xeito, a seguridade e accesibilidade ao solidario xesto da doazón.

Sanidade convida á cidadanía a continuar amosando a súa faciana máis solidaria durante os vindeiros meses e salienta a excelente resposta das e dos galegos a prol da doazón de sangue, xa que, entre os días 13 de marzo e 31 de maio, rexistráronse máis de 19.000 doazóns de sangue. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre