Inicio Galicia O conselleiro de Sanidade anuncia que explicará en detalle o Plan de...

O conselleiro de Sanidade anuncia que explicará en detalle o Plan de saúde mental postcovid-19 no Parlamento de Galicia

0
image_gallery.jpg

O Plan, xa aprobado, recoñece a importancia dos servizos de saúde mental como parte fundamental das respostas gobernamentais contra a covid-19


O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou que explicará no Parlamento de Galicia o Plan de Saúde Mental de Galicia postcovid-19 para o período 2020-2024 e sinalou “hoxe mesmo temos rexistrado a solicitude de comparecencia para explicar polo miúdo, na Comisión de Sanidade do Parlamento galego, as medidas deste Plan e para escoitar coa máxima receptividade todas as achegas que poidan facernos para mellorar a súa posta en marcha”.

O Plan recoñece a importancia dos servizos de saúde mental como parte fundamental das respostas gobernamentais contra a covid-19 e que deben ampliarse e financiarse axeitadamente. A Xunta de Galicia, que aprobou este plan en colaboración cos colectivos implicados, destina ao plan un orzamento de 83 millóns de euros e 241 profesionais. O obxectivo é previr a aparición de problemas de saúde mental na poboación galega e establecer melloras na asistencia sociosanitaria ás persoas que padecen un trastorno mental e aos seus familiares.

Para Comesaña, a situación actual coa pandemia da covid-19 “modificou radicalmente as nosas vidas, levándonos a un escenario que nunca teriamos pensado vivir” e neste senso salientou que temos ”unha oportunidade de que a asistencia á saúde mental saia reforzada desta crise, de facela máis inclusiva, de facela mellor”.

O conselleiro de Sanidade destacou así a importancia do Plan galego para minimizar o impacto da pandemia priorizando o desenvolvemento de programas asistenciais a través das novas tecnoloxías; o reforzo no número de profesionais nos dispositivos asistenciais do Sergas para desenvolver programas específicos de atención á depresión, trauma e dó; a promoción dos coidados domiciliarios e o apoio aos profesionais sanitarios de primeira liña de acción contra a covid-19.

Case 100 proxectos enmarcados en cinco eixos de actuaciónO plan confórmase de 98 proxectos agrupados en 5 eixos. O primeiro eixe chámase Participación, Autonomía e Sensibilización busca a participación e autonomía do paciente nos seus coidados con programas de empregabilidade, programas de respiro para as persoas coidadoras e programas de sensibilización á cidadanía.

A segunda gran liña de actuación é a Recuperación como meta entendida tanto como nas condicións internas experimentadas polas persoas (esperanza, sanación, empoderamento e conexión), como nas condicións externas: implementación dos dereitos humanos, unha cultura positiva de sanación, e o facilitamento do acceso aos tratamentos reforzando a atención domiciliaria e os programas sociocomunitarios. O terceiro eixe denomínase Gobernanza, Coordinación e Transversalidade e está orientado a promover cambios organizativos para optimizar a atención aos mais vulnerables, aos dependentes, mulleres vítimas de violencia e persoas en risco de exclusión social.

A cuarta liña é sobre a Saúde mental na infancia e na adolescencia con actuacións no ámbito da detección precoz e o reforzo das unidades infanto xuvenís, e finalmente o quinto eixo Xestión do coñecemento, investigación e avaliación está centrado en crear sistemas de información e ampliar o noso coñecemento como unha garantía de futuro.

Xornada con motivo do Día MundialO 10 de outubro conmemórase o día mundial da Saúde Mental, esta vez baixo o lema Moverse a favor da saúde mental: invistamos nela. O conselleiro de Sanidade sinalou que case 1.000 millóns de persoas teñen un trastorno mental, que a depresión e unha das principais causas de discapacidade e enfermidade no mundo e que 1 de cada 5 nenos e adolescentes teñen un trastorno mental.

En conmemoración con este día, a Consellería de Sanidade organizou a xornada Promovendo a saúde mental fronte á covid-19 no que varios expertos do ámbito da saúde mental e da promoción da vida saudable trasladaron á cidadanía recomendacións para manter unha boa saúde mental en tempos de pandemia por covid-19.

Na xornada participou a coordinadora do Grupo de Intervención Psicolóxica en Catástrofes e Emerxencias (GIPCE), Ana Mª Núñez Rubines, que ofreceu pautas para superar as dificultades que na vida cotiá nos atopamos en tempos de pandemia. O coordinador do Programa Oficial de doutorado en Ciencias do Deporte, Educación Física e Actividade Física Saudable da Universidade da Coruña, Manuel Avelino Giráldez, falou da actividade física como factor de protección e impacto favorable nunha boa saúde mental. E Marcos Novo Rosario, enfermeiro, trasladou recomendacións para evitar recaídas en persoas que poidan estar sufrindo dun trastorno por uso de substancias.

O xefe de servizo psiquiatría do CHOU, Luis Do Casar Bertolo, falou do programa de apoio psicolóxico aos profesionais sanitarios; o voceiro da plataforma de asociacións profesionais da psiquiatría e psicoloxía da infancia e adolescencia, Carlos Imaz Roncero, expuxo as conclusións do Informe de Recomendacións para unha boa saúde mental na infancia (elaborado pola Plataforma de asociacións de psiquiatría e psicoloxía clínica pola saúde mental da infancia e da adolescencia de España), e o presidente de FEAFES Galicia, José Ramon Girón García, ofreceu consellos para os coidadores e familiares de persoas que presentan un trastorno mental, e os propios afectados. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre