Inicio Galicia O conselleiro de Sanidade agradece o traballo dos profesionais do Sergas en...

O conselleiro de Sanidade agradece o traballo dos profesionais do Sergas en Lugo que veñen de xubilarse

0

O pasado ano xubiláronse 146 profesionais do Sergas na provincia, entre os tres hospitais e os centros de saúde da EOXI

Lugo, 1 de febreiro de 2019.- O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, asistiu esta mañá, no Hospital Universitario Lucus Augusti, ao acto de homenaxe e despedida aos preto de 150 profesionais xubilados ao longo do ano pasado no ámbito da Xerencia de Xestión Integrada do Servizo Galego de Saúde en Lugo. Neste acto, o titular da carteira sanitaria do Executivo galego agradeceu o traballo dos profesionais que agora se xubilan, así como do resto de empregados do Sergas, polo labor diario desenvolvido coa fin de contribuír ao bo funcionamento do sistema sanitario, e que “son os verdadeiros artífices de que a nosa sanidade pública sexa hoxe unha sanidade de referencia en todo o Estado”.

Segundo salientou o conselleiro, dedicar toda unha carreira profesional e unha vida persoal ao coidado do paciente “é un labor grato e esixente, que desenvolvemos entre todos dende moi diferentes disciplinas e ámbitos profesionais, pero cun sentimento común de vocación pola nosa profesión e de dedicación ao paciente e ás súas familias”. Todas as categorías son importantes neste traballo diario, por iso a dedicación de profesionais da medicina, da enfermería, da administración ou do mantemento, entre outras áreas de traballo, “merecen un recoñecemento especial a tantos anos de esforzo e de entrega á sanidade pública, ao paciente, e o desexo de que a nova vida que agora empezades sexa igual de gratificante que o foi o voso paso polo sistema sanitario ”.

Tal e como remarcou Almuiña, “os verdadeiros protagonistas do sistema sanitario son os profesionais, responsables do seu adecuado funcionamento e da súa mellora continua. Queda demostrada a vosa implicación, capacidade de traballo e compromiso coa sanidade pública ao longo da vosa vida laboral”.

Pola súa banda, o responsable da Xerencia de Xestión Integrada de Lugo, Ramón Ares Rico, agradeceulles o traballo e dedicación aos 146 profesionais que se xubilaron no 2018 nos tres hospitais e nos centros de saúde do Sergas na provincia, ao tempo que manifestou ante os traballadores xubilados, familiares e demais profesionais que acudiron á homenaxe, que “os nosos traballadores son o activo fundamental do Servizo Galego de Saúde”. Ares Rico agradeceulles tamén a todos eles “a súa intensa dedicación ao longo dos anos de vida laboral e a súa sensibilidade cos pacientes no exercicio do seu traballo diario, defendendo co seu labor o bo funcionamento do sistema sanitario público”, e lembroulles que os hospitais e os centros de saúde da provincia “serán sempre a súa casa e donde sempre serán benvidos como integrantes da organización que foron e serán sempre”.

Ramón Ares Rico lembrou que este acto anual de homenaxe aos xubilados do Sergas na provincia é un recoñecemento implícito á importancia do seu traballo e un resumo dunha vida chea de aportacións á sanidade pública galega, “pois vós sodes os que contribuistes a lograr unha sanidade mellor, tanto en coñecemento como en valores e actitudes, unha sanidade que sirve para mellorar a saúde e a expectativa de vida dos lucenses”.

Os 146 traballadores que culminaron a súa vida activa en 2018 formaban parte de distintas categorías de traballadores, como facultativos, persoal de enfermaría, técnicos de coidados auxiliares de enfermaría, auxiliares da función administrativa, administrativos, celadores, cociñeiros, persoal de servizos xerais, técnicos especialistas, persoal de mantemento, entre outros. 

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre