Inicio Galicia O conselleiro de Facenda destaca que a Lei de reforzo de actuacións...

O conselleiro de Facenda destaca que a Lei de reforzo de actuacións prioritarias, aprobada hoxe no Parlamento, permitirá utilizar xa o superávit de 2018

0

Valeriano Martínez presentou na Cámara o proxecto de lei de suplemento de crédito, co que se poderán empezar a executar os 125 millóns de superávit de 2018


O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, presentou hoxe no Parlamento o proxecto de Lei de Reforzo de actuacións prioritarias, unha lei que permitirá que Galicia poida empezar a utilizar xa o superávit contable do exercicio 2018, 125 millóns de euros, para reforzar o gasto social en Sanidade, Ensino e Servizos Sociais públicos. Na súa intervención, destacou que esta lei –que finalmente foi aprobada no Parlamento e será publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG)- “é boa para reforzar as principais necesidades dos galegos”.

O titular de Facenda explicou que esta lei supón “un exercicio pleno do noso autogoberno” e servirá para que Galicia dispoña dunha capacidade de gasto adicional de 130 millóns, xa que ao superávit de 2018 únenselle outros cinco millóns por aforros de gasto financeiro. A través desta lei autorízase un suplemento de crédito que terá un triplo obxectivo: levar a cabo actuacións nos servizos públicos, prioritarias e previstas para os vindeiros anos, e que agora se poderán adiantar xa a 2019, reforzar o Servizo Galego de Saúde e empregar o superávit sen penalizar o cumprimento das regras fiscais.

Na súa intervención, Valeriano Martínez lembrou que hai razóns de operatividade que xustifican a urxencia de que estas actuacións se poidan facer canto antes, como é o feito de que os investimentos en centros educativos e en escolas infantís públicas se teñan que facer no período vacacional de verán ou a importancia de reforzar a Atención Primaria.

O conselleiro explicou que a Xunta ten optado por acometer unha reordenación do endebedamento do sector público autonómico que xera aforros nas cargas fiscais futuras, e posibilita unha serie de dispoñibilidades crediticias que permiten financiar novas actuacións prioritarias. Este novo crédito financiarase reorientando o gasto dedicado a amortizar débeda da Comunidade Autónoma que, deste xeito, baixará en dúas décimas.

Valeriano Martínez destacou que Galicia usará o superávit de 2018 para reducir a débeda da Comunidade Autónoma, co que se liberan créditos orzamentarios para financiar novos investimentos en Sanidade, Educación e nos Servizos Sociais públicos. Dos 130 millóns de nova capacidade de gasto, 96 están recollidos expresamente no proxecto normativo presentado hoxe no Parlamento e investiranse entre este ano e o que vén; e 34 millóns quedarán dispoñibles a través da Axencia Galega de Infraestruturas.

Actuacións prioritarias xa neste 2019En relación a distribución do superávit neste 2019, á Sanidade Pública destinaranse 22 millóns -16 deles a través desta lei- para aumentar prazas de persoal na Atención Primaria, mellorar o equipamento de centros de saúde e hospitais, ou mellorar o transporte sanitario urxente. A previsión da Xunta é destinar á Sanidade pública máis de 40 millóns de euros entre o ano 2019 e 2020.

No eido do ensino público, este ano investiranse 22,7 millóns na mellora de instalacións, con actuacións en 22 colexios e institutos. Para estas actuacións, o Consello da Xunta xa aprobou a pasada semana un adianto de tesourería, o que permitirá axilizar estas obras.

E, en relación aos Servizos Sociais Públicos, destinaranse 6,2 millóns de euros a actuacións de mellora das instalacións das escolas infantís, centros de maiores e residencias. Así mesmo, destinarase unha achega de 3 millóns de euros para actuacións no medio rural.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre