Inicio Galicia O Congreso Internacional Unvex contribuirá a visibilizar as posibilidades que o Polo...

O Congreso Internacional Unvex contribuirá a visibilizar as posibilidades que o Polo Aeroespacial de Galicia ofrece ao sector en España

0

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou na presentación deste evento centrado nos vehículos non tripulados, que se celebrará en Santiago entre o 16 e o 18 de xuño

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, sinalou hoxe na presentación de Unvex 2020 que este encontro de referencia do sector dos vehículos non tripulados, que se celebrará en Santiago de Compostela entre o 16 e o 18 de xuño, contribuirá a visibilizar as posibilidades que o Polo Aeroespacial de Galicia ofrece a esta industria en España.

Na súa intervención, o conselleiro destacou que Galicia ten sabido impulsar, a través da colaboración público-privada, a creación e o crecemento dun novo sector de alta tecnoloxía como é o aeroespacial, que hoxe en día é estratéxico na industria da Comunidade. Neste sentido, Conde puxo en valor o traballo das empresas e startups galegas vinculadas ao sector, os centros tecnolóxicos e as universidades, que desde o Polo Aeroespacial de Galicia traballan para ofrecer novos produtos e solucións innovadoras no ámbito dos sistemas non tripulados.

O encontro Unvex 2020, no que se agarda a visita de máis de 5000 profesionais do sector procedentes de diferentes países, e a participación de medio cento de empresas, celebrará a súa sexta edición por primeira vez en Galicia. Tal e como incidou o conselleiro, os participantes terán ocasión de comprobar in situ as capacidades do Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas, en Castro de Rei (Lugo).

A iniciativa desenvólvese nun momento clave para o sector, pola entrada en vigor do novo marco regulatorio europeo para as operacións con drons. Ademais, servirá para abordar as posibilidades que ofrecen os vehículos aéreos non tripulados na prestación de servizos públicos. Trátase dun eido no que Galicia lidera a posta en marcha de varios proxectos pioneiros, poñendo os drons ao servizo da Administración para a prestación de mellores servizos públicos á cidadanía.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre