Inicio Galicia O Concello de Vigo impide á Xunta de Galicia investir máis de...

O Concello de Vigo impide á Xunta de Galicia investir máis de 1,2 millóns de euros na proposta cultural do 'Vigo crea. barrio creativo'

0

A delegada territorial e presidenta do Consorcio Casco Vello de Vigo, Corina Porro, informa do bloqueo dos representantes socialistas no CCVV ao proxecto


A presidenta do Consorcio Casco Vello (CCVV) e delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, informou este xoves dos asuntos abordados no Consello de Administración do organismo que preside e que hoxe elevaba a votación a cesión dos locais comerciais e de constitución do dereito de superficie a favor da Axencia Galega de Turismo no marco do proxecto “Vigo Crea. Barrio Creativo”.

Unha iniciativa presentada o pasado mes de xaneiro polo conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e que suscitou grande interese por parte dos axentes culturais e turísticos da cidade. Unha proposta que non saíu adiante pola ausencia dos representantes municipais socialistas, impedindo á Xunta de Galicia investir máis de 1,2 millóns de euros nun espazo cultural “novidoso é dinámico”, en tanto que contribúe á rehabilitación dun novo inmoble en Berbés, 7 (que albergaría a futura sede do CGAC) e á dinamización do barrio histórico.“É lamentable e para min hoxe é un día triste”, subliñou Corina Porro, moi crítica con que se impida sacar adiante un proxecto avalado “por un proceso impecable desde o punto de vista xurídico, técnico e fiscal”. “Pese ás miñas concesións, estipulando unha cesión de uso dos locais con contribución por parte da Axencia Galega de Turismo, os concelleiros do PSOE tiñan ordes de opoñerse”, informou a presidenta do ente rehabilitador, quen explicou que propuxo unha emenda ao expediente tras coñecer polos medios de comunicación a oposición do goberno de Caballero.

Segundo explicou, a Axencia Galega de Turismo actuaría como mediador público, substituíndo así á figura do axente privado que suscitou reticencias no seu día, aportando unha contribución anual de 24.816 euros (+IVE), a razón de 2 euros o metro cadrado. Tamén se negaron a votar por separado, indicou a delegada, a cesión á Xunta do edificio de Berbés 7 que albergaría a futura sede do CGAC; “quedou claro novamente que o goberno de Caballero non quere ou non lle interesa que a Xunta invista en Vigo”. Así, afeou a “cretinidade política” e a “pequeñez persoal” dun alcalde que basea a súa xestión en poñer paos nas rodas a todos aqueles proxectos do Goberno galego.

Difícil explicación ten aos ollos de Corina Porro esta negativa a apoiar unha iniciativa que xerou ilusión e múltiples apoios no ámbito da cultura e do turismo, tamén na propia universidade, un proxecto que definiu como “impecable, dinamizador da economía e revitalizador do barrio histórico”. “Torpedea cada inversión, cada proxecto que non sexa autoría súa”, resumiu.

En canto á alternativa que propuxo o Concello á cesión destes locais á Xunta de Galicia, a presidenta do CCVV e representante autonómica na cidade, ironizou sobre o feito de que “directamente non existe”. “Critican que lle regalemos os locais á Xunta e agora piden que llos regalemos ao Concello, pero sen unha idea clara, sen proxecto, sen nada de nada”, apuntou molesta con que non saíra adiante unha proposta que claramente beneficia á cidade, xa que os estatutos do Consorcio Casco Vello de Vigo recollen a unanimidade.

Deste modo, a postura do Concello vigués impide non só a creación da futura sede do CGAC, senón a posta a disposición da Administración autonómica dos locais propiedade do Consorcio e que supuñan o xerme do “Vigo Crea. Barrio Creativo”.

En resumo, a creación dunha rede de espazos creativos no Casco Vello, con 17 inmobles que ían formar parte do proxecto que permitiría desenvolver iniciativas emprendedoras no ámbito cultural e artístico, nas condicións que se fixasen de acordo coas necesidades dos axentes dos sectores implicados.

Un novo espazo cultural pioneiro que nacía coa vocación de impulsar o emprendemento, a creatividade e a cultura e que pretendía converterse nun referente para a actividade artística. Agora, segundo explicou a delegada, haberá que estudar alternativas, “como fixemos coa falta de solo para a construción dun instituto en Navia anunciando un novo IES nos actuais xulgados, ou a residencia de maiores que finalmente construiremos na ETEA”.

Dejar una respuesta

Please enter your comment!
Nombre